Nada
Opinión
30 May 2005. Actualizado a las 07:00 h.
É COÑECIDO que cando o pobo de París tomou a Bastilla en 1789 a penas había presos dentro, e ningún deles por razóns políticas: tan só catro falsificadores de moeda, un sospeitoso de asasinato, un conde incestuoso e dous tolos encerrados alí polas súas propias familias. O asalto, por demais, foi unha carnicería, máis un motín ca unha revolución e culminou nun linchamento odioso. Foi, como tantos actos espontáneos da multitude, unha reacción de pánico nacida dun malentendido. Pero os símbolos nacen dos malentendidos e da simplificación, e aquel suceso triste é hoxe un dos mitos fundacionais de Europa. Onte á madrugada, os vencedores do referendo europeo celebraban o seu triunfo alí precisamente, fronte as ruínas da Bastilla. En realidade, estaba do outro lado da praza, no que fora o número 232 da Rue Saint Antoine (as ruínas puxéronas no lugar que ocupan hoxe moito despois). Non importa, o lugar, aínda que topográficamente equivocado, é politicamente correcto: nacionalista ó tempo que revolucionario e antisistema, o mito da Bastilla encarna ben a alianza de esquerda antisistema e dereita patriótica que fixo triunfar o «non» sobre o outro monosílabo, este defendido pola forza política que xeralmente é maioritaria: a inercia. Agora, uns considérano un desastre para Europa e outros chaman argumentan que non é un voto contra a Constitución senón contra o goberno Chirac. A min paréceme, en cambio, que isto último é peor. Podémonos poñer de acordo na Europa que queremos ou, como neste caso, na que non queremos. Como di o Quijote , tantas letras ten un «si» como un «non» (polo menos tenas en español, e en francés). Pero se seguimos utilizando os comicios europeos para castigar gobernos (Francia) ou para mostrarlles apoio (España) Europa seguirá sen existir. Igualmente, non pode ser o xa se está escoitando dicir a algún político: que máis adiante se podería repetir o referendo francés ata que saia o «si», como se fixo con Maastricht e Niza. Non, se para algo pode servir o sucedido o domingo é para que remate esta presión constante sobre a xente para que asinta ó que xa se decidiu. A parte disto, o do domingo non é a fin de nada. A verdadeira ironía da Toma da Bastilla foi que os asaltantes ignoraban que xa ía ser derrubada por orde do rei. Respecto ó do domingo ben poderíamos escribir no noso diario o que el escribiu no seu aquel día: « Rien» . Nada.