Prodixios
Opinión
11 Apr 2005. Actualizado a las 07:00 h.
UN FRANCISCANO que me deu clase dicía que os santos xa non se aparecían a penas por culpa dos americanos. Agora penso que entre todas as culpas que levan os americanos, xustas ou inxustas, esta era desde logo das más estrañas. Concretamente, o relixioso facía responsable a Benjamin Franklin e a súa invención do pararraios. «Fíxense que desde entón diminúe dramaticamente a proporción de milagres e aparicións», dicíanos, como se contase cunha estatística moi precisa. E facíanos notar ademais que os prodixios teñen lugar (e isto é certo) fundamentalmente no campo, onde non hai pararraios, e en países onde o invento de Franklin non chegou ou chegou pouco. Dicíao medio en broma, claro está, pero a idea non é tan absurda. Despois de todo, o raio estaba inextricablemente unido á idea de prodixio, formaba parte da súa iconografía, ata o punto de que é difícil imaxinar unha aparición sen aparato eléctrico. O descubrimento da electricidade privou á taumaturxia desta ferramenta. Ou non, porque aínda baixo a súa roupaxe moderna, a electricidade segue conservando moito do seu antigo carácter milagreiro: a transmisión de imaxe e voz polo éter, a luz incandescente das bombillas, a curación dos enfermos por medio dalgunhas das súas variantes... A Relixión está baseada no prodixio pero, se ben se mira, a Ciencia o está máis aínda e só se propaga e se acepta xustamente por iso: porque é capaz de proporcionar curacións milagrosas, de crear feitos portentosos e aparentemente imposibles. Pensaba nisto estes días, cando empezan a aboiar, aquí e acolá, milagres atribuídos ao defunto papa Xoán Paulo II. Son milagres máis ben minimalistas: un cardeal que recupera a voz, un neno que cura dunha gravísima enfermidade, unha monxa que mellora doutra gravísima enfermidade... Pero son milagres, que parece que volven outra vez, despois do que se podería considerar un período de relativo silencio dos santos, non sei se provocado polos pararraios ou non. Eu, a verdade, e sen ánimo de ofender a ninguén, non creo neses milagres. Non é por racionalismo, senón máis ben por desconfianza profesional (para un xornalista, estas historias teñen demasiados elementos dubidosos ou difíciles de comprobar). Non creo neses milagres, pero hai tempo que me din conta que creo en moitos outros que tamén son unha especie de milagres. Despois de todo, todos cremos practicamente nas mesmas cousas, dunha ou doutra maneira.