La Voz de Galicia

Dinamiteiros altivos

Opinión

| UXÍO LABARTA |

06 Aug 2004. Actualizado a las 07:00 h.

UNHA MULLER, por riba dos setenta anos, atando o aparello nun peirao das rías baixas. Un home pregunta pola sardiña. Logo da fala para saberse, a muller dí: «Home, eu non sei se se tira dinamita ou non. O meu fillo tamén anda ao mar. Será coma os outros. Os portugueses din que a tiramos». Fálabase esto no Parlamento de Galicia, na metade dos 90. Para lles pedir aos homes do cerco que deixaran de usar dinamita, para lle pedir aos gobernos de España e de Galicia que controlaran os mercados e o trafego da dinamita e o seu uso para pescar a sardiña. Pero sempre houbo moitos antes para que, neste país noso, chegaramos a conformar unha cultura da dinamita na pesquería do cerco. Mesmo toda unha teoría pesqueira: cambiar o rumbo e enfocar a rede, despegar a sardiña do fondo para mellor cercala. ¿Evolución do uso. Norte e sur por igual. Deixa o norte, seica pode que algúns volveran. Na lembranza, homes sen dedos, sen máns, nos setenta. Traxedias máis graves, mesmo mortes silandeiras, tanta morte silandeira e de forte pegada nos peiraos. Denuncias entre armadores. Mesmo detencións. Sempre reclamacións a cotío por parte dos propios patróns e mariñeiros do cerco para que as autoridades, todalas autoridades, puxeran lindes á ilegalidade. Sempre reclamacións, nunca erradicación. A dinamita segue. E queiran que non, segue o devalo da pesquería da sardiña e dos seus rendementos. Para quen a comemos, non vai de balde. Nin sabe. Sardiñas amolecidas, sanguiñentas. Sardiñas de malos profesionais. Peores empresarios. Homes ruíns. A dinamita na pesca ten fortes sancións. Inhabilita para pescar. O mercado ilegal de dinamita dá en cárceres. Máis dende os roubos e o seu uso para o terrorismo. Sorprende logo que, con todo, a cada pouco, o servizo de gardacostas, a Garda Civil do Mar, dean con boias que agachan os polvoríns submariños. Aquel neno sentado no colo do vello petrucio mariñeiro de Castelao aprendeu ao medrar que, de certo, para que as sardiñas volten precísase a vontade dos gobernos que aprofondaba o avó, mais tamén de armadores e patróns que pesquen polo dereito. Sobrecolle que unha cultura pesqueira que deturpa os recursos, a dinamita, manteña na pesquería do cerco o seu uso. Arriscando vidas e facendas, arriscando futuro. Dinamiteiros altivos. De pelo en peito, pouco caletre e escaso beneficio.


Comentar