La Voz de Galicia

A filla de Bush

Opinión

MIGUEL-ANXO MURADO

31 May 2004. Actualizado a las 07:00 h.

ACABO DE DARME conta agora, ao poñer título a este artigo, de que parece un insulto, e créanme que non o escribín con esa intención. Isto é o malo de ter un pai presidente dos Estados Unidos, ou dalgún outro país igual de poderoso (a praza, de momento, permanece vacante). Porque, evidentemente, esta rapaza que está peregrinando nestes momentos cara a Compostela, non ten culpa ningunha dos trasacordos do resto do mundo co seu pai. De feito, Jenna Bush, que é como se chama a rapaza, unha das peculiares xémeas do presidente (digo peculiares porque, contrariamente ó esperable, non se parecen en nada) é célebre polos seus propios trasacordos co seu propio pai. Son máis ou menos as do resto do mundo: que é demasiado mandón, demasiado intransixente... A este Xacobeo renacido que inventou Portomeñe no 93 sempre lle faltara isto: unha princesa que peregrinase de incógnito, como pasaba na Idade Media. Esta pequena de Bush non é, certo, unha princesa, pero para este mundo moderno da posguerra de Iraq (todos os períodos históricos son posguerras de algo) é quizais o que máis se lle aproxima. Pode que máis que as propias princesas, que agora teñen pais pouco poderosos (mesmo xornalistas, como no caso de Dona Letizia). Sexa como sexa, Jenna andaba onte en Sarria protexida por un impresionante séquito de axentes da CIA e da Policía Nacional de paisano. Tan impresionante que os pacíficos sarriáns preguntábanse se en realidade a pequena de Bush ía visitar ó Apóstolo ou a arrestalo e levalo para Guantánamo. Eu non sei se vale isto de peregrinar coa CIA, que me parece que lle resta carácter de devoción á viaxe. En todo caso, espero que a indulxencia plenaria que logre Jenna non se estenda tamén ós servicios secretos americanos e logo, cando nos toque criticalos polas torturas de Iraq, nos saquen a «Compostela» para taparnos a boca. Tampouco sei se esta rapaza peregrina para lograr o perdón do seus pecados ou dos do pai, aínda que imaxino que, saíndo de Sarria, serán os dela, que son relativamente veniais (un día embebedouse e acabou en comisaría, outro día publicouse que fumara marihuana; nada). Para os do pai, en cambio, Sarria pareceríame pouco. Tería que ter saído como mínimo desde Roncesvalles, e á pata coxa. Como mínimo. Ou, mellor aínda, vir el mesmo de peregrino, co seu bordón e o seu cabazo, a darse os croques. Quen sabe o efecto positivo que isto podía ter no seu caso.


Comentar