POIS SI, moi ben, Barcelona. Moi ben polo acordo municipal, só posible nunha cidade civilizada, declarándose contraria ás corridas de touros. Dísenos que é a única gran cidade que adopta un acordo semellante. Acordo que subscribiron tódolos grupos políticos, agás o PP, como é natural. Digo como é natural e digo ben: os touros, para algunhas ideoloxías, son a festa nacional , unha festa que goza do favor da TVE, e de outras, algo que vai moi ben co nacionalismo cañí, como ben demostran esas bandeiras que acostuman aparecer nos partidos de fútbol cun touro negro por fondo.
Confiamos que o exemplo de Barcelona sexa seguido por moitas outras cidades importantes, e tamén polas menos importantes, e que de aquí a pouco tempo a furia torera se vaia esquecendo e quede confinada a unha folclórica lembranza do pasado, a unhas churrusqueiras imaxes primitivas que fagan sorrir ós nosos netos e que, con indulxencia, non nos xulguen como en rigor deberiamos ser xulgados. Porque sei que serán mellores ca nós.