O poder desgasta
Opinión
19 Jan 2004. Actualizado a las 06:00 h.
NON ACREDITO na famosa sentencia do capo político Andreotti de que «o poder desgasta a quen non o ten» e que noutra versión afirma «estar no poder desgasta pero o que desgasta de verdade é estar na oposición». Por fortuna, ambas sentencias non son universal nin historicamente irrefutables. Que llo pregunten a Clinton e sobre todo a Thatcher. Lembremos ao Churchill que despois de dirixir á Gran Bretaña da Segunda Guerra Mundial, dende a resistencia do «sangue, suor e bágoas» ata a victoria, perdeu as primeiras eleccións da posguerra. H. Schmidt, Carter ou Giscard, hai máis de vinte anos que deixaron de gobernar e non porque o fixeran rematadamente mal senón porque se viron sometidos ao elemental principio político da alternancia e ao común sentido vital do cansancio social. Ese principio do desgaste do opositor aseméllase á verdade nalgunhas democracias débiles e conxunturalmente trucadas do sul de Europa. Por exemplo na Italia do pentapartito foi inseparable das condicións da guerra fría e levou á Tangentópolis final; tamén na República Dominicana do incombustible Balaguer que morreu dando mítines, corenta anos despois de servir ao tirano Trujillo. Como calquera sistema político, as democracias -máis unhas que outras- poden xerar mecanismos para trucar a alternancia cando as condicións internas ou externas o permiten, unhas veces formais e outras ideolóxicos. Na España actual temos probas sobradas destas prácticas, nunha administración que se confunde co partido gobernante, nas modificacións do código penal, nas estratexias de control dos medios de comunicación privados e no afogante uso dos públicos, nas propostas de barreiras censitarias como a de Ibarra ou noutro tipo de arranxos no sistema electoral. Agora inténtase inaugurar unha nova forma de continuidade no poder garantindo unha alternancia restrinxida, interna ao partido gobernante, que forza o sistema aparentanto atender a unha esixencia da democracia para faciliar a continuidade dos mesmos no poder. Tal é o que quere facer o PP aquí ou en Madrid, como intentou Pujol en Cataluña. O nome acuñado para estas operacións - sucesión- lembra ao Ancien Regiem e por algo será. Calquera sistema político se resinte cando é forzado. Compréndese que os que naceron en coche oficial non saiban que facer sen el, nin como integrarse nun mercado laboral esixente, porque unha cousa é impartir doctrina liberal e outra ben diferente lograr que te contraten sen paraugas. O sistema non funciona se se poñen barreiras á alternancia. En Cataluña tentouse evitando facer unha lei electoral en vintecinco anos para manter a atribución de escanos favorable aos gobernantes. No País Vasco faise con muita retórica ideolóxica e coa axuda inestimable dun nacionalismo español frentista e fosco. Ese mesmo españolismo electoral coa manipulación política da lacra terrorista. En Galicia os emigrantes foron descubertos como celeiro dos votos para tentar garantir o que a evolución demográfica nega. Pero onde o poder non desgasta, a forza da inercia tamén afecta á oposición. As estructuras poden coas persoas, para desánimo dos gramscianos que acreditan no optimismo da vontade.