INVESTIR
Opinión
09 Jul 2002. Actualizado a las 07:00 h.
Un dos castelanismos recorrentes que se atopan no galego é o uso do verbo invertir co significado de 'empregar cartos nunha empresa para conseguir beneficios'. Na lingua galega o verbo invertir non existe. No seu lugar cómpre empregar, con ese significado, investir ( A Xunta debería investir máis cartos en sanidade ). Así, o substantivo castelán inversión (económica) tradúcese en galego como investimento ( O ministro de Medio Ambiente anunciou un investimento de 155.000 euros para a restauración da muralla de Lugo ). O galego coincide unha vez máis con outras linguas europeas que comparten a mesma raíz léxica que investir : en francés, como en portugués e galego, escríbese investir ; en inglés, invest ; en italiano, investire , e en alemán, investieren . Tampouco se pode empregar en galego a forma invertir co significado de 'dar a volta' ou 'tornarse algo o contrario do que era antes'. Neste caso, o correcto é utilizar o verbo inverter ( A incorporación da muller ó mercado laboral inverteu o modelo familiar; Para observar mellor a fotografía tes que invertela ). O substantivo que lle corresponde en galego é inversión ( A inversión na curva da natalidade provoca un envellecemento da poboación ). De acordo co exposto, constitúe un erro usar o verbo inverter co significado de 'empregar cartos en algo'. En galego unicamente pódese utilizar con ese sentido o verbo investir . Este último, ademais, ten outras definicións: 'empregar tempo, esforzo en algo' e 'conferir a unha persoa un cargo honorífico ou unha dignidade'( José Hierro foi investido doctor honoris causa ).