La Voz de Galicia

O CASTELÁN DE GALICIA

Opinión

SANDRA FAGINAS falar.ben@lavoz.es

06 Jul 2002. Actualizado a las 07:00 h.

As interferencias lingüísticas nunha comunidade na que conviven dúas linguas son abundantes en tódolos planos. Sen embargo, no léxico son especialmente numerosas. Así como o galego aparece contaminado de castelanismos, o castelán de Galicia nútrese de léxico galego. Como mostra, cabe pensar na linguaxe que empregamos cando estamos rodeados de nenos. Empezando pola xa coñecida colo ( cuello , na traducción castelá). Ós galegos resúltanos especialmente difícil substituír esta palabra polas correspondentes opcións castelás, cando estamos a falar nesa lingua. Coger en el colo ( coller no colo en galego) non é conmutable por coger en el regazo ou coger en brazos . O colo é para nós algo máis. Do mesmo xeito, poucos nenos de Galicia son ameazados, cando se portan mal, coa palabra española azote . Case todos, antes ou despois, coñecen a forma galega chaparreta ('azoutada dada coa palma da man nas nádegas') tanto en expresións galegas como casteláns: Vas a llevar unas chaparretas en el culo . Analogamente, é habitual escoitar frases do tipo: «Como te caigas te vas a dar un croque» , en galego 'golpe na cabeza'. As rapazas de Galicia distínguense das restantes españolas por levar chichos no pelo, isto é, o pelo recollido cunha goma ou con lazos. En castelán chicho é, segundo o DRAE01, 'el rizo pequeño de cabello que cae sobre la frente y es propio del peinado de mujeres y niños'. Nada que ver cos chichos que coñecemos no galego coloquial. Aquí, en castelán, nos ponemos chichos e en galego, poñémonos chichos .


Comentar