La Voz de Galicia

ROTTERDAM

Opinión

VÍCTOR F. FREIXANES

06 Jun 2002. Actualizado a las 07:00 h.

Chámanse pola denominación de orixe, ou pola parroquia, máis ca polo nome civil ou de bautismo: Corcubión, Marín, Santa Marta, Carnota... Os máis deles chegaron contra finais dos 60 e principios dos 70, a traballar nos barcos e nas plataformas. Levan aquí trinta anos. Algúns incluso máis. Os venres, sábados e domingos reúnense nun local no centro da cidade, relativamente espacioso, decorado con fotografías, carteis e noticias do país. Hai outras dúas sociedades en Rotterdam coma esta: O lar galego. A festa inclúe polvo á feira, salpicón de marisco, raxo con patacas, cabrito asado e postres. Viños do Ribeiro (branco) e Rioja (tinto). Augardente do país e, para algúns, licor café. No teito hai unha desas bolas de espelliños luminosos que xiran, como nas discotecas. «Intentamos convertir esta parte do local nun espacio de lecer para a mocidade», dime a presidenta. «Un sitio onde os mozos puidesen divertirse. Pero non funcionou. Algúns socios, os máis vellos, non se puxeron de acordo. Eles prefiren seguir coas partidas. E a xente nova, ó final, busca outros sitios. Os fillos xa son de aquí. Senten Galicia, porque é a terra dos seus pais e dos seus avós, pero doutra maneira». Pepita leva anos nesta cidade. Veu de terras de Ourense. Casou cun fillo de emigrantes. Ámbolos dous gobernan a sociedade, que ten case que un cento de socios, aínda que non todos veñen. Cada mes túrnanse os matrimonios para atender a cociña. «Todo o facemos». Séntense orgullosos. Vintecinco anos. Falamos de Galicia, do país, da emigración, das diferencias históricas entre as comunidades de América e as de Europa... Estas son outra cousa. Nada que ver cos vellos pazos vilegos de Bos Aires, A Habana ou Montevideo, nin coas instalacións de Caracas, nin cos predios do Brasil... Pero iso non significa que sexan menos emocionantes. En Xenebra, en Lausanne, en Londres, en Hannover, en París tiven ocasión de convivir cos emigrantes, ás veces unhas horas, coma neste caso, outras veces máis tempo. Galicia tamén está aquí. No corazón. E nas preguntas: «¿Hai un sitio para nós? ¿Alguén pensa no noso regreso?». Xosé intentouno hai anos. Quixo montar unha empresa de nova tecnoloxía, en Ourense. Pero non funcionou. Tivo que volverse. «Foi unha experiencia frustrante». A maioría deles contan os días que faltan para a xubilación. Cunha pensión holandesa, logo de trinta e cinco anos estibando carga nos peiraos dun dos portos máis activos do mundo, Antonio Lago, de Cee, quere volver á terra e restaurar a casiña dos vellos, sair a pescar na ría, e deixar correr o final do tempo. Está solteiro. «O malo son os fillos. Os fillos xa teñen a vida aquí. Alá non hai sitio para eles. ¿Ou si? Disque o país necesita xente. Dino os periódicos. Vostede escribe nos periódicos. ¿Qué pensa disto?». Son o final dun camiño. A semana anterior, neste mesmo recanto, falei da xente de Bruxelas, profesionais cualificados, universitarios activos nas institucións europeas. Isto é outra cousa. Outro mundo. Pero non menos auténtico. Galicia tamén está aquí e, ó falar da terra, experimentan unha sensación extraña, contradictoria. Saíron do país en tempos moi duros e sospeitan que os cambios non sempre contaron con eles. «¿Qué pensa vostede desa nova Consellería da Emigración?». Dígolle a verdade, que se ha de ficar só unha munxidora de votos, mellor non ter feito esa viaxe. Pero que tamén pode ser a ponte institucional e necesaria que os escoite e empece a dar respostas. Cee non ten boa idea dos políticos. «Hai dúas clases de políticos», explica. «Os que veñen, miran o que hai e fan preguntas, porque queren saber, e os que veñen botar discursos, énchennos de palabras e marchan. Francamente, non coñezo máis cós segundos».


Comentar