UN CONGRESO DESPOLITIZADO
Opinión
08 Mar 2002. Actualizado a las 06:00 h.
O Partido Popular atópase nun dos seus momentos máis doces, pola cohesión e a unidade de que goza, e porque no horizonte non se albisca aínda quen lle poda disputar as altas cotas de poder de que dispón. Nese clima de tranquilidade e estabilidade, que dificilmente se volve a repetir, celebrou o seu congreso, e canto máis pasa o tempo, máis se pon de manifesto que foi unha ocasión perdida de conseguir avances na mellora e na consolidación da nosa democracia. E todo foi porque ese congreso estivo tan despolitizado que máis parecía un sarao que un congreso dun partido político. Os que, á vista dos perigos que a excesiva prolongación dos mandatos políticos comporta, tanto na patrimonialización das institucións e o abuso do poder, como na persoalización da vida pública, sempre temos defendido a súa limitación, non podemos regatear loubanzas a Aznar polo cumprimento do seu compromiso de non presentarse á reelección. Pero esta boa e importante decisión quedou minimizada e converteuse en algo persoal e anecdótico, ó impedirse que prosperase a iniciativa que pretendía incluír a limitación de mandatos como norma do partido. Deste xeito, ó negárselle a súa forte carga política, pasou a ser un acto máis ad maiorem gloriam do líder e desapareceu a súa transcendencia futura e o seu seguro reflexo noutras forzas políticas. Tamén se perdeu a oportunidade de introducir as emendas que presentaba o Partido Popular de Galicia sobre a reforma do Senado e a presencia das comunidades autónomas nos foros europeos. Estas propostas non eran só do partido galego; foron expostas por Fraga nos seus discursos de investidura e foron aprobadas polo Parlamento de Galicia. Viñan entón avaladas pola maioría do pobo galego a través dos seus representantes constituídos en cámara lexislativa e a reforma constitucional do Senado estaba ademais no programa electoral do PP do ano 1996. Por outra banda permitían que os populares galegos puidesen liderar, no ámbito estatal, os avances autonomistas e protagonizar o entendemento cos partidos nacionalistas periféricos. Dado que gobernar é procurar solucións ós problemas, evitar confrontacións e artellar fórmulas de acordo, sorprende que haxa gobernantes que desaproveiten iniciativas, xurdidas dentro do seu propio partido, que podan abrir camiños de concordia a vellos conflictos que veñen envelenando a convivencia de amplas capas da sociedade. Que enorme distancia entre o Aznar que dicía falar catalán na intimidade e este que non acepta propostas do fundador do seu partido, porque reforzan as autonomías. E que preocupante situación que aquel Dr. Jekill suscitase desconfianzas no seu grupo e o actual Mr. Hyde provoque entusiasmos delirantes.