La Voz de Galicia

CANDO CHOVE EN ITACA

Opinión

XOSÉ CARLOS CANEIRO BARCO DE PIRATAS

09 Dec 2000. Actualizado a las 06:00 h.

Meditar. Tranquilizarse. Non queda outro remedio nestas pontes interminables que non cruzan ningún río. Tal vez non poidan. Os ríos desbordados son argumento desta semana que pasa sen pena nin gloria, apretando os seus dentes na pel desconsolada dos soños: Galicia está varada no infortunio. As vacas no banco dos acusados, as últimas autovías de España, a pesca mal negociada polos máis votados (¡España va bien!), a chuvia que asolaga valgas e campas e vereas. Estes sucesos, tan lamentables, sempre gardan algo positivo no seu interior desanimado: os conselleiros en servicio permanente. Cuíña utilizando as súas propias mans para paliar traxedias acuícolas, Cochón e Gago compartindo carne bovina cos paisanos que tanto aman, o de pesca solventando na invisibilidade os problemas dos nosos pescadores. O político providencial e salvador resulta consubstancial con esta Galicia aflixida de traxedia. Isto alégrame. Estamos protexidos. Todos. En calquera momento os conselleiros aparecerán nos nosos respectivos domicilios para preguntar pola súa xestión. ¿Que lle parece, cidadán, vai todo ben?, ¿precisa algo?, debe lembrar que estamos ao seu servicio. Eles existen para que nós existamos. Filántropos, escravos do ben común, venerables sen palio que cubra as súas humildes cabezas. Estou emocionado, non podo negalo. Cuíña, o meu conselleiro favorito, ao pé do cañón. De ronda, como titula con intelixencia este periódico. Mágoa que non chovese no verán, cando os incendios. Unha desfortuna ocultaría á outra. Mágoa que os conselleiros non piloten as avionetas que resolven (¿resolven?) cada verán o incendio interminable. ¡Que fotografía! Ataviados con roupas de aviador, saudando dende a aeronave, dispostos a xogar a vida en beneficio da causa: Galicia. Os conselleiros son algo máis que políticos, son salvadores. Debemos agradecer á Providencia tanta ventura. Están co seu pobo, aínda que non o digan. Témolos ao alcance da man. Podemos tocalos, reverenciar as súas figuras redentoras, santificalos. Pero eles non coñecen o segredo das precipitacións. Por iso choveu tanto. En Itaca. Esta terra de promisión que nos aprendeu, como no poema de Kavafis (e no de Homero), que o importante é a viaxe. Reflexionar coa suficiente lucidez. Abrir os ollos. Optimismo. Ánimo. Non permitir que a tristeza instale definitivamente, entre nós, o seu imperio. Porque convén que o desalento minore o seu corpo de Goliath. Porque xa vai sendo hora de contemplar o sol de outono bailando, contentos, a danza do gozo e da bonanza e do futuro. Porque algunha vez ten que deixar de chover e chove. Meditar. Tranquilizarse. Non queda outro remedio.


Comentar