UN ESCRITOR APEDREADO
Opinión
FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO
29 Nov 2000. Actualizado a las 06:00 h.
¿Cantos mozos de hoxe saben da existencia dun escritor chamado Eugenio Noel? Entre os monstros literarios que, segundo Ramón Gómez de la Serna, deu a España de comezos de século, foi un dos máis pintorescos. Tamén un dos menos merecentes de esquezo. Nacera no 1885 e finou en 1936. Fillo dunha criada de servir e dun bombeiro, fíxose escritor a forza de lecturas e dunha teimosía de ferro. Noel pertenceu á xeración seguinte á do 98. Ou seña, á de Solana, Marañón, Ortega, Gómez de la Serna. Este definiuno como a figura do escritor que puido ser xenial. Pero o medio empeñouse en non deixar que o fose, en fustrigalo, en facelo vivir de precario. Foi, engadía o autor de Automoribundia, «Un estupendo escritor de raizame española, a ratos pícaro, pero ó cabo un gran home apedrado, desouvido, sen mesa fixa na que escribir». Cando andabamos a estudiar na Universidade, gorentábanos ler algúns dos seus libros. Por exemplo, Aguafuertes ibéricos, Lo que vi en la guerra ou a interesante novela Las siete cucas. Agora volve revivir na nosa memoria, lendo o póstumo Diario íntimo que hai xa abondos anos publicou en Madrid «Ediciones Taurus». Parécenos que é un dos seus libros máis curiosos. Un documento de época, social e literaria. Abrangue este diario desde os primeiros anos da infancia, deica finais do ano 1913 en que se editou o volume da súa autoría El Rey se divierte. Bohemio, andadeiro incansable, mentres viaxaba sen parar, daba tamén centos e centos de conferencias. E aínda tiña tempo para escribir o pintoresco diario. Conta nel, con expresivo estilo, a súa vida de loitador: os seus xogos infantís, as primeiras lecturas, os amoríos segredos con rapaciñas do seu barrio. Tamén a súa estada de seminarista rebotado no colexio relixioso de Tardajos. Noel pasou fame e miseria. «A miseria _escribiu unha vez_ obriga a cometer actos dubidosos». Así lles chamaba, certamente, ós sabrazos que se vía forzado a dar. Porén, reflexa sempre a presencia dunha alma inxenua, de entusiasmo, de amor polo seu pobo, nas páxinas deste diario. O seu gusto non era seguro, pero a súa curiosidade era inmensa, e o seu corazón grande. Amosou un talante singular nas campañas que realizou contra a festa dos touros e contra o flamenquismo. Nelas consumiu incribeis enerxías. Estimamos que o Diario íntimo do escritor é merecente de se ler. Ven ser unha autobiografía chea de sabor de época. Contén, ás veces, páxinas valiosas de escritor de garra. Fixeron ben os editores en rescatar do esquezo e do pó estas páxinas que se leen dun tirón. E que, sobre todo, nos fan lembrar aquela España zaragateira e triste, da que tan atinadamente falou Antonio Machado.