MULLERES EN MOVEMENTO
Opinión
CARME BLANCO
17 Oct 2000. Actualizado a las 07:00 h.
Cando a Fédération des Femmes du Québec fixo pública en 1995 a idea dunha marcha mundial de mulleres non imaxinaba as repercusións do seu chamamento. Elas formularon o desexo da manifestación solidaria de todas as mulleres do mundo contra o poder patriarcal. Un desexo vivo nas persoas insubmisas ante este férreo e polimorfo poder. Pero tamén, un desexo continuamente silenciado, controlado, manipulado e coartado pola imposición do androcentrismo artellado na tupida rede de todos os poderes. Elas dixeron: «Queremos que no ano 2000 as mulleres se poñan en marcha». E o seu chamamento puxo en marcha a solidariedade feminista, movendo a un tempo todas as frontes políticas e sociais, desde as máis representativas institucións do goberno mundial ata as máis independentes agrupacións de base. Así, desde o 8 de marzo, en que se presentou, ata o 17 de outubro en que rematou en Nova York, tratou de sumar a diversidade dos esforzos feministas. O movemento plural pretendía camiñar unido contra dous males endémicos que están na raíz da explotación das mulleres: a pobreza e a violencia. Así, a coordinadora galega da marcha celebrou o Día Internacional da Muller Antimilitarista; a Marcha de Mulleres a Compostela co festival onde presentou o himno galego da marcha mundial, Marchando máis alá, musicado por Milladoiro e cantado por Pilocha; o encontro Alicia en Galicia en Lugo; e a folga doméstica e paro laboral do pasado día dez. E representantes galegas estiveron en Bruxelas e na concentración final de Nova York. Desde o Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional ata a vangarda feminista, todas as instancias preocupadas polo devir social ven a situación das mulleres nun punto límite imposible de manter pois hai clara consciencia xa de que, realizando o maior traballo, non participamos máis que nas migallas da riqueza, e de que, sendo esenciais na propagación da vida, do pracer, da paz e da felicidade, se nos exclúe sistematicamente de dereitos humanos básicos. Pero hai profundas diverxencias á hora das solucións, porque o avance humano está en absoluta contradicción co poder sexual sobre o que asenta o sistema. Entón o totalitarismo inquisitorial érguese e manipula o malestar das masas coa carnaza da caza de bruxas e as avergonzantes listas negras desenfocando do obxectivo ós señores da terra, que sorrín tranquilos nos seus tronos. Pero todo se move. O mundo e as mulleres. Porque o progreso é imparable.