La Voz de Galicia

Rábade volve celebrar as súas festas: «Son días moi importantes e emotivos para o concello»

Rábade

PAULA ÁLVAREZ /  LUGO / LA VOZ Alcalde de Rábade M.G LUGO / LA VOZ Alcalde de Rábade
Foto de arquivo do alcalde con Manuel González ao remate da lectura do pregón nas festas de Rábade do ano 2016.

A vila lucense celebra desde este venres 12 e ata o día 17 as súas festas e o Festival A Rabaca

11 Aug 2022. Actualizado a las 05:00 h.

Tras dous anos de parón pola pandemia, case todos os concellos retoman as súas festas patronais. E non de calquera xeito, pois este verán volven máis fortes ca nunca. Para comprobalo, só hai que ver a programación das festas de Rábade, que terán lugar do 12 ao 17 de agosto, estando os dous últimos días reservados para o Festival Cultural A Rabaca. Música, teatro, numerosas actividades e concursos animarán as rúas durante estes seis días para todas as idades, incluídos os avós, que tamén terán actividade nestas xornadas.  

—Retoman as festas despois de dous anos. Hai novidades?

—Si, foron dous anos nos que non houbo festa, pero nos que puxemos en marcha o Festival Cultural A Rabaca, pensado para homenaxear a Juana Capdevielle e a Federico García Lorca, asasinados o mesmo día (18 de agosto de 1936). É unha iniciativa que sempre tivo boa acollida e decidimos seguir con ela porque hai xente á que lle gustan as festas masificadas, pero tamén hai quen as prefire máis recollidas, con outro tipo de eventos. Por iso intentamos aglutinar os dous desexos.

—O Festival A Rabaca ten lugar os dous días seguintes as festas.

—Si, e unha programación independente pero vai seguida das festas. Ten lugar os días 16 e 17.

—Son días moi importantes para os rabadenses.

—Dende o punto de vista emotivo, son días moi importantes porque é cando aproveita a xente que está fóra para vir e xuntarnos todos. Ademais, é un gran impulso económico.

—En que consiste o descubrimento do Rei da Chaira?

—O primeiro ano que fixemos as festas creamos un personaxe que simboliza a festa de Rábade. Escollemos a un veciño coñecido pola súa afección ás festas, chamámoslle O Rei da Chaira e encargamos a construción dun xigante coa súa figura. Está todo o ano gardado e o día do pregón descóbrese para dar inicio á festa.

—Na festa ata teñen protagonismo os avós. Estarán emocionados.

—Si, hai un evento moi peculiar, O Subidón dos Avós, posto en marcha hai catro anos. Consiste nunha subida nun vehículo con rodas no que participan avós e avoas, en compañía dos seus netos. Failles especial ilusión.

—E entre a xuventude, como se vive a chegada do Combo Dominicano?

—Segundo parece, moi ben. A min gústame moito a música e percibimos unha demanda moi grande por esta orquestra. Nunca puidera vir, tivemos a oportunidade e non o pensamos. Está causando unha expectación moi importante.

—Esperan moita xente.

—Sempre a hai. Pero esperamos que este ano aínda máis porque notamos que a xente ten moitas ganas de festa, e xa os días previos hai moito ambiente. Ademais, a xuventude de Rábade é «moi rabadense», moi asentada no seu pobo, e están empezando xa a preparar actividades coma o tradicional Tour da Cerveza.

—Ademais da festa, que outras novidades pode anunciar o Concello de Rábade?

—Estamos rematando un proxecto moi ambicioso e que sempre soñamos con sacalo adiante. É a rehabilitación do Barrio da Ponte na súa integridade. Acabamos tamén a reparación de todas as vías do Barrio de Vilardeseo; queda só un espazo pequeno que é da Deputación Provincial e temos un acordo para que o fagan inmediatamente. Ademais, imos acometer a reforma da Praza de Castelao e esperamos poder solucionar o problema de abandono da avenida de Vilalba, que é da Xunta pero estamos dispostos a chegar a un acordo para a súa merecida reparación.

programación 

Venres 12

Sábado 13. DÍA DO RÍO

Domingo 14. DÍA DA BICICLETA

Luns 15. DÍA DA DESCARGA

MARTES 16. FESTIVAL CULTURAL A RABACA

miércoles 17. festival cultural a rabaca

O Concello de Rábade leva tempo implementando medidas para o aforro de auga e luz

Con motivo das festas, este mércores o alcalde de Rábade, Francisco Xosé Fernández Montes, pedía a través das redes a colaboración dos veciños para o aforro enerxético e de auga nun momento de seca no que resulta tan necesario.

Segundo explica o alcalde, dende o Concello levan tempo incorporando medidas para garantir un menor consumo de auga e luz. «Levamos varios anos con programas de eficiencia enerxética; practicamente o 100 % do alumeado é LED, incorporando caldeiras de peles e estamos traballando para cambiar a calefación do centro sociocultural».

Tamén Xosé Francisco conta que ata o momento non foi necesaria ningunha restrición no consumo, pero asegura que «non as descartamos. Se hai que tomar medidas drásticas, tomarémolas».

 

 


Comentar