O eco dunha voz silenciada
Monterroso
Perfil | Un home de letras inxustamente esquecido Un reducido monllo de intelectuais galegos comeza a esconxurar o manto de olvido que se teceu arredor da obra de Lorenzo Varela
24 Nov 2003. Actualizado a las 06:00 h.
«Sós tan magnífico poeta como generoso ser humano (...) ¿Qué sino adverso, qué cosa temperamental tuya, qué abandono, qué carajo, en fin, es el culpable de este silencio que te rodea?». Escribe Ernesto Sábato, escandalizado porque Lorenzo Varela necesita en España, en 1976, cando volve do exilio arxentino, carta de presentación e recomendación laboral. Nesta beira do Atlántico só atopa a extraordinaria hospitalidade de Díaz Pardo, dous artigos -un de Ánxel Fole, outro de Alonso Montero- e algunha nota nalgún diario de Madrid. Lorenzo era, ademais dun descoñecido, un feixe de cinza, residuo da fogueira dunha guerra incivil e de 37 anos de exilio. Por iso, díxeno noutra ocasión, Lorenzo botouse a morrer de noxo nunha rúa de Madrid, hai hoxe 25 años. Non é doado explicar, nin sequera en clave de compromisos políticos que pechan os ollos, o manto de silencio que se teceu ó redor do autor de Lonxe e de Catro poemas pra catro grabados. O escritor que polemizaba con Juan Ramón Jiménez e con Octavio Paz, o autor que merecía as louvanzas de Pedro Salinas, Pablo Neruda e Gabriela Mistral, o combatente que compartía trincheiras -pluma e fusil- con Miguel Hernández e Rafael Alberti, o dinamizador que daba corda a publicacións como El Mono Azul, Romance, De Mar a Mar ou Correo Literario, o traductor de Baudelaire ou de Jorge Amado, o amigo de Seoane e de Dieste, o reputado crítico de arte nos diarios arxentinos, necesitaba cartas credenciais na súa terra. Manda truco. ¿Mudaron as cousas desde que Lorenzo se botou a morrer no inverno de Madrid? En parte, si. Malia a miopía da Real Academia, empeñada en esgarabellar nos diccionarios de autores cativos, un reducido monllo de homes de letras hai tempo que están a reivindicar a figura e a obra de Lorenzo Varela. Algúns deles, Luís Seoane e Rafael Dieste en primeiro termo, xa se foron. Os demais lorenzólogos, case todos, danse cita o sábado en Monterroso. Só se bota en falta, entre eles, a Xosé Luís Méndez Ferrín, o destinatario da «Cantiga nova que se chama cadea», poema que Lorenzo asinou na folla satírica Cuco-Rei en 1970.