Arcadio López-Casanova, «in memoriam»
Lugo ciudad
14 Apr 2022. Actualizado a las 05:00 h.
Recibo na tarde do luns a inesperada noticia do pasamento, en Valencia, do escritor Arcadio López-Casanova (Lugo, 20-11-1942). Poucas persoas habitan no territorio dos mellores afectos con máis intensidade, e a poucos homes de letras teño admirado tanto. A relación vén de lonxe: de cando traballamos xuntos no Instituto Masculino de Lugo (1966), onde el fora alumno antes de que eu chegara (1960). Axiña se implicou a fondo nas clases extraoficiais (semiconsentidas) de lingua galega, labor que desempeñou co compromiso e co entusiasmo íntimo aprendidos, nos anos universitarios de Compostela, na «cátedra» —extraordinaria e extraacadémica— do grande Ramón Piñeiro.
Supoño que, nestes días, falarase moito do poeta, a súa dimensión literaria máis coñecida, pero non sempre a de máis entidade. Foi unha das grandes voces do noso discurso poético entre 1967, o ano de Palabra de honor, e as últimas páxinas publicadas, entre elas As voces da máscara, de 2014, un clásico na arte de evocar grandes poetas que xa nos deixaron (Rosalía, Curros, Pimentel, Aquilino...). De 1976 data un poemario decisivo no acontecer literario galego: Mesteres.
Sería inxusto, neste escritor, neste home de letras, non subliñar os seus estudos, en castelán e en galego, sobre a substancia verbal do feito poético. Neles aprenderon a ler a poesía moitos profesores que hoxe comentan textos significativos nas aulas. Hai un volume que compendia, na miña opinión, estes saberes técnicos e críticos: o Diccionario metodolóxico de análise literaria. A poesía. Textos líricos galegos da Idade Media ós nosos días (Galaxia, 2002). Tamén fixo recoñecidas incursións en poetas casteláns moi importantes (Machado, Lorca, Miguel Hernández...).
Arcadio estaba xubilado como catedrático de Literatura española na Universidade de Valencia, cidade na que residía con Carmen, a súa esposa, desde hai décadas. Neste longo período construíu un discurso poético con raíces nun singular «exilio» que se traduciu en páxinas moi valiosas da nosa poesía. Este peculiar «exiliado» non deixou de labrar nos eidos da lingua galega nin de investigar nos da nosa literatura. Un exemplo elocuente foi o seu discurso no acto en que foi nomeado membro de honra da Real Academia Galega: A modernidade poética de Rosalía: unha interpretación (9-11-2013). Eu, daquela presidente, fun o autor da resposta académica, e fíxeno cunha emoción só superada pola que me conmove hoxe.