Exalcalde Mini
Lugo
18 Aug 2015. Actualizado a las 05:00 h.
Se a moción de censura é un mecanismo democrático para endereitar o goberno dun concello manifestamente á deriva, parece un pouco cedo que algo así se teña plantexado no concello coruñés de Boimorto, onde era alcalde o begontino de Baamonde Xosé Luís Rivas Cruz, coñecido como Mini desde hai medio século.
Que Mini chegase a ser alcalde de Boimorto, en nome do BNG, aconteceu porque nas anteriores lexislaturas o seu voto propiciou que gobernase o PSOE, e nesta ocasión logrou que -diante dos 5 concelleiros do PP e os 4 do PSOE- os do PSOE o votasen para alcalde, presidindo así un goberno conxunto de seis concelleiros: catro do PSOE e dous do BNG. Pero un concelleiro do PSOE revirouse e asinou unha moción de censura apoiando ao PP, formándose unha nova maioría que cristalizou nun novo goberno e un novo alcalde.
O mecanismo da moción de censura está para outras cousas, para outros supostos, con outros fins? pero ninguén garante que o uso dos mecanismos democráticos reflicta en todo momento unha democracia perfecta, aínda que numericamente os resultados sexan correctos. E a Mini debera servirlle de lección para saber que unha cousa é o mundo da canción, da música e da cultura, onde é un xigante, e outro o da política onde a canción, a música e a cultura non cotizan, e os que levan a verdade por diante -«Ai dos que levan na fronte unha estrela, / ai dos que levan no bico un cantar!»- teñen sempre as de perder. Aínda que con este cambio Mini non é o perdedor; quen perdeu foi Boimorto.