Ónega y Otero
Lugo
14 Dec 2010. Actualizado a las 02:00 h.
Cando teño compromisos de comparecencias públicas, gosto de preparar as cousas, senón con moita antelación si para telas escritas e alomenos ter un guión ó que acollerme no momento da verdade.
E non hai moito tempo deume por especular sobre termos gramaticais para xustificar unhas expresións nunha charla na que pretendía quedar ben, e pensei que ninguén mellor que o amigo e profesor Otero Canto me ía explicar a complexidade do concepto «metonimia», para utilizalo con propiedade.
Pensado e feito, chámoo e noto que se sorprende da miña chamada pero aténdea con todo o agarimo, rexeita ser considerado un especialista no tema, pero dame o seu parecer sobre a miña consulta.
Agradecido, colgo o teléfono coa sospeita de que o amigo co que falara era outro. Repaso o número ó que chamei, e vexo que nada ten que ver co de Otero Canto senón que na miña anárquica lista de teléfonos está situado inmediatamente antes, como corresponde á orde alfabética.
Abraiado, constato que con quen estivera falando fóra co amigo e grande mestre Fernando Ónega, que aínda debe andar matinando sobre a miña estabilidade mental por darlle a vara de lonxe cun tema lingüístico, e co que aínda non me teño sincerado, pero fareino moi axiña.
Aínda non reposto da vergoña do erro, chamei a Xosé Otero Canto, por ser este tema da súa especialidade, e obtiven resposta científica que sumada á do mestre Ónega me axudou a compoñer a estrutura axeitada para a miña comparecencia pública. A Otero xa lle din as grazas pola súa axuda. A Ónega aínda non, pero como me da algo de vergoña, simplemente voulle mandar copia deste artigo.