Como chinos
Lugo
12 Oct 2010. Actualizado a las 02:00 h.
Cando eu era rapaz, os chinos só soaban no noso argot diario como sinónimo de xente inocente, pouco avisada, xa que se alguén resultaba víctima de calquera broma ou sufría unha sorpresa desagradable, viña ser «enganado coma un chino». Daquela China era un xigante descoñecido, terceira potencia mundial da que se agardaba calquera sorpresa no momento en que despertase.
China despertou, e invadiunos de xeito aparentemente pacífico coa arma máis terrible, co seu comercio interminable. Os establecementos rexentados por chinos teñen un infinito abano de produtos, abren día e noite sen pechar para comer, e os seus habitantes son silenciosos, pacientes e sorrintes. E nós imos vendo como medran en número os seus establecementos, último recurso para atopar calquera artiluxio que non somos quen de conseguir no chamado comercio «tradicional».
Non hai chinos entre os miles de vendedores ambulantes e clandestinos que animan o San Froilán, que está copado por africanos e sudamericanos. Os seus son negocios estables, invisibles cos ollos deste século, como se estivesen agardando polo momento preciso para facerse presentes na nosa actualidade. Pero se os maiores temos probas abondas do seu labor comercial en calquera punto da nosa cidade, os mesmos nenos teñen asumida esa vocación transaccional dos chineses lucenses. O meu neto de tres anos, cada vez que pasamos polo Ceao, lembra a vez que foi cos seus pais de compras ó Chino Antonio. E meu bisobriño de catro, cando hai uns días seus curmáns lle propuxeron xogar ós chinos, ese xogo polo visto en desuso, respondeu: «Claro!... ¿Qué vendemos?».