La Voz de Galicia

Fuxan os Ventos presentará en Lugo o espectáculo «Terra de soños»

Lugo

La Voz

09 Oct 2009. Actualizado a las 02:00 h.

No vencello que existe entre a canción popular galega e as novas formas de expresión do folk atópase o eixo que vertebra o espectáculo «Terra de soños», co que Fuxan os Ventos pechará o vindeiro luns as festas do San Froilán 2009. Xoán Fuertes e Antón Castro, acompañados pola concelleira de Cultura, Concepción Burgo, presentaron onte o concerto do grupo, que leva 37 anos paseando polo mundo «sons de maxia, duende e poesía».

A partir das nove da noite, na praza do Seminario, o público lucense poderá coñecer o espectáculo co que o grupo volta aos escenarios tras case unha década sen tocar. Neste sentido, Fuertes explicou que chegan a Lugo con moita ilusión xa que nunca actuaran dentro do programa de San Froilán. O artista destacou que «o concerto chegará a todo o mundo xa que será retransmitido en directo por Radio3». «Se imos pechar as festas imos facelo cunha carga total», afirmou Castro, «estamos en mellor forma ca nunca, polo que animamos a lugueses e luguesas a cantar as cancións que coñecen e algunhas novas».

Burgo subliñou que Lugo «será testemuña dun concerto único, un concerto de amigos [...] multitudinario». Integran Fuxan os Ventos na actualidade: Carme Vázquez, Xoán L. Fuertes, Tereixa Novo, Alfonso Fernández, Moncho Díaz, Maruxa Fociños, Antón Castro, José Vázquez e Pedro Lucas.


Comentar