O Museo Diocesano
Lugo
TRIBUNA | O |
31 Jan 2005. Actualizado a las 06:00 h.
NAS naves superiores da Catedral, no triforio, atopamos un fermoso e coidado museo de artes. Todo nil respira un aire de autenticidade e coido que cos seus medios, que non serán moitos, é exemplar. Limpo, coidado, xeneroso, aberto, cordial. Nil aparece un tesouro: inscripcións visigóticas (o cancel visigótico das Saamasas), unha copia e restos de Santa Eulalia de Bóveda, cadros de mestres ben que ignorados de pintura: Juan de Juanes do XVI, un San Xosé e o neno da escola de Rubens do XVII, unha copia do mosaico de Batitales. O orixinal do Crismón de Quiroga que tal e como comenta o escritor Antonio Reigosa as mulleres nun rito de fecundidade esfregaban contra dil a barriga. Algún posíbel cadro de Corredoyra, o noso se non xenial si ademirado pintor de primeiros de século con casa no Carril dos Loureiros e de aprendiz un incipiente poeta que era Luís Pimentel e Fole a escribir alí nos hortos??????de froiteiras. Uns fermosísimos cristos de almasí e de alabastro. Moedas, medallóns. Unha serie irrepetíbel de arte sacro. (Eu aínda non o vin con extrema lucidez e por iso aínda non descubrín os lampos ou destellos das pinturas e demais). Uns graciosos anxos do retábulo de Corneis de Holanda, gordechos e rubicundos. Unhas espléndidas táboas do grande escultor Francisco de Moure, xa saben o autor do coro do século XVII. Pero o que resulta serio é toda a pintura. Sen dúbida trátase dunha colección de mestres indiscutidos ben que a autoría sexa moitas veces incógnita, descoñecida. Por arriba rezo nalgunha ocasión o rosario co crego encargado do museo: don Xesús Guerra, unha vista espectacular sobre os tellados da urbe. E as pombas acompañan o rezo sobre o claustro. Ilas tamén rezan o rosario.