La Voz de Galicia

«Picapedreiros» en Parga

Lugo

CARLOS VÁZQUEZ

TRIBUNA | O |

06 Jul 2004. Actualizado a las 07:00 h.

COMEZARAN ás dez da mañá e cando pararon xa tiña eu media ración de polbo á feira engulida; deran xa as tres. Os canteiros picaban a pedra de Parga, que segundo o que manifestaron algúns é moi boa e déixase traballar. Inda así, houbo quen quixo facer algo moi delicado e admitiu que saltaba un pouco, pero que se picaba moi a gusto. Os mozos, homes e dúas mulleres, proviñan de distintos sitios de Galicia, se ben a maioría bicaban Pontevedra. Algúns como Marcos Escudeiro, que viña nada menos que de Mos -preto de Porriño-, fíxome ver que se eles tiveran aló esta pedra farían marabillas. «E iso que a nosoutros póñennos unha pedra daquelas e para nós é coma unha xoia», matizou. Provisto, como os demais, dunha maza e varios punteiros esculpiu a cabeza dun vello con boina. Por certo, punteiros que ten que temperar un ferreiro. ¿Cantos quedan? Pablo Afonso, pola súa banda, labraría unha cabeza sacada dalgún cómic. «Foi o que se me ocorreu cando vin a pedra», confesoume. Asemade, Ferreiro acadaría un abraiante resultado sacando da pedra a unha parella de paisaniños. Sen dúbida, unha dura pero fermosa maneira de chegares ao xantar.


Comentar