La Voz de Galicia

«¿Como se pode prohibir estar en contra da guerra?»

Lugo

Benigno Lázare la voz | lugo

Considera inxustificables e sen precedentes as limitacións que pretende aplicar Educación nos centros con respecto ós letreiros e carteis

19 Mar 2003. Actualizado a las 06:00 h.

O director do Instituto Nosa Señora dos Ollos Grandes, Javier Rodríguez, está indignado pola decisión da Consellería de Educación de prohibir nos centros a existencia de carteis e letreiros en contra da guerra e en protesta polo desastre do Prestige . Asegura que non recorda ningunha outra medida similar que atentase tanto contra a liberdade de expresión e contra a autonomía dos institutos. -¿Xa aplicaron a circular do conselleiro? -Aquí aínda non nos chegou. Supoño que o delegado estará estudiando o texto, aínda que terá a obriga de remitírnolo. É a primeira vez que adoptan unha medida deste tipo e eu espero que sexa a última, ou incluso que todo se deba a un erro. Noutras comunidades están alucinados. -¿Educación argumenta que se politizan os centros e que houbo protestas dos pais? -A política é inseparable da vida das persoas, e paréceme que hai que fomentar a crítica nos alumnos que, ademais, neste caso pode formar parte dos chamados contidos transversais. Sen embargo, non se pode confundir política con partidismo, que é o que está facendo a consellería con esta medida. -¿Vana acatar cando lles chegue? -Aínda confío en que non a recibamos, pero se nos chega, supoño que teremos que celebrar unha reunión de directores e sacar un manifesto conxunto. -¿Tiveron queixas dos pais polos letreiros? -¿Como se pode prohibir estar en contra da guerra a estas alturas? Aquí non veu nin un pai a protestar. Pero aínda admitindo que algún fose ó despacho do conselleiro, chama a atención a celeridade coa que foi recibido, porque eu intenteino nalgunha ocasión e non o conseguín. -Algún sindicato anunciou un recurso. -Os sindicatos teñen técnicos e deben de estar lixeiros neste caso.


Comentar