Normalización
Chantada
LICOR DE HERBAS
29 Dec 2005. Actualizado a las 06:00 h.
COMENTABA eu, estoutro día, que padecemos unha falta de normalización lingüística e cultural de todo signo. Comentábao co escritor de Chantada, residente hoxe en Catalunya -como fillo da emigración ou da non dilucidación socieconómica da miña terra-, chamado Xosé Lois García, que nós tiñamos tres escritores ou persoeiros que dignifican para sempre a un idioma e a unha cultura. Son: Rosalía de Castro (Pondal), a integridade moral de Castelao e Cunqueiro (co naif e primitivista Ánxel Fole). O resto non serve para dignificar un idioma ou unha cultura que sexa extrapolable. Retrucaba ou rexeitaba el que todos somos dignos, nesta cultura de noso, como un mosaico dignos e respetables porque todos cómpren unha función no marco da normalización. E fíxome calar. Eu tiña a miña razón e el tiña a súa. Con efeito, cada personaxiño que escriba unhas letras no noso idioma merece respeito porque o noso é un idioma en perigo de extinción. Pero tamén cómpre soerguelo cunha alta calidade literaria. Dicía o escritor Juan Manuel de Prada que el lera a dous escritores no noso idioma: Rosalía e Cunqueiro. En efeito, Cunqueiro merece moita consideración porque se trata dun autor de alto nivel literario.