La Voz de Galicia

«Teño a satisfacción de que demos todo o que estaba nas nosas mans»

Lemos

luis conde adestrador do ucoga seguros cb chantada ensino

O técnico chantadino cualifica a tempada do seu equipo cun «notable alto»

30 Apr 2022. Actualizado a las 05:00 h.

Rematou a tempada, e o adestrador do CB Chantada, Alberto Fafián, analiza a traxectoria do seu equipo na liga EBA. O técnico cualifica a campaña cun notable alto. Aínda non quere falar de futuro. Toca un período de reflexión para despois sentar as bases do novo proxecto.

—Que nota lle pon á tempada do CB Chantada?

—A nota sempre estará en función dos obxectivos iniciais. Tiñamos claro que seguir na categoría era o principal obxectivo do club. Os éxitos de anos anteriores non poden desvirtuar ese obxectivo inicial. Falar de fracaso por non acadar postos de play off de ascenso é descoñecer a categoría e a realidade orzamentaria dos equipos da mesma. A nota é un notable alto.

—Por que non se clasificaron para a fase de ascenso?

—No mundo do deporte sempre hai que adaptarse ao cambio constante de escenarios. Este ano competimos nun grupo EBA onde se fusionaron dous do ano pasado, o AB e o AC, e o nivel competitivo foi outro. Tivemos que reconstruír o equipo. Oito novos xogadores chegaron este ano. Estar en fases de ascenso pasa este tipo de peaxes. Cidades como Salamanca, León ou o mesmo filial de Obradoiro configuraron planteis semiprofesionais, adestrando todos os días da semana (nós tan só tres), moitas veces dobrando mañá e tarde, o que fixo subir o nivel físico-táctico da liga.

—Que factores foron determinantes para esta tempada irregular?

—Permite que discrepe no da irregularidade. Nunha liga de 30 xornadas na que nunca tivemos unha serie de mais de dúas derrotas consecutivas non é unha

liga irregular.

—Foi esta a peor plantilla dos últimos anos do CB Chantada?

—Esta plantilla acadou 19 vitorias, as dos dous anos anteriores acadaron 15 vitorias. Como pode ser peor? Competiu nun escenario distinto, con rivais diferentes, nun contexto de pandemia, onde o covid condicionou o día a día dun xeito escalonado. Nunha liga na que de 16 equipos descenderon sete.

—A diferenza doutras campañas, o equipo viuse sorprendido en partidos doados.

—Imos partir da base inicial de que nesta liga, salvo Segovia, non existen partidos sinxelos, a competitividade é máxima. Baixo o meu punto de vista, a clave estivo nos partidos contra os catro primeiros equipos Tan só gañamos un partido, de oito posibles vitorias só acadamos unha. Esta é a clave, das once derrotas que temos sete foron contra os catro primeiros clasificados.

—De que está máis ledo esta campaña e máis encomodado?

—Pois nin unha cousa nin a outra, estou canso e coa sensación de terme baleirado despois de nove meses de intenso traballo, e coa satisfacción de que demos todo o que estaba nas nosas mans. Isto é deporte.

—Tivo un plantel compensado?

—Dispuxen dun dos mellores planteis que se podían facer co noso nivel orzamentario, quizás comezamos a liga un pouco coxos no xogo interior pero soubémolo corrixir. En liñas xerais estou contento co plantel.

—Sorprendeuno negativamente algún xogador?

—Non sempre se pode esperar un rendemento inmediato do xogador, son moitos os factores e condicionantes que interactúan. As apostas seguras son moi caras para un equipo coma o noso, por iso sempre temos que arriscar. Unhas veces sae mellor e outras peor.

—Hugo Rey fixo unha gran campaña. É o líder do futuro?

—Hugo é un rapaz de 18 anos con moito talento, humilde e moi traballador. Ten todo o que ten que ter para seguir medrando deportivamente. Darlle a responsabilidade de líder non sería bo para el, ten que seguir así, está claro

que para nós é importante dentro do noso proxecto, apostamos por el e trataremos de telo polo menos un ano mais. É un claro exemplo da aposta que facemos pola xente nova, coma os Álex

Barcos, Dani Manchón, Cristian Vidal, Manuel Ruano.

—Seguirá Alberto Fafián no banquillo do CB Chantada??

—Non é o mellor momento para tomar este tipo de decisións. Neste intres os que formamos parte do Ucoga CB Chantada estamos cansos despois destes meses de traballo. Síntome moi cómodo traballando con esta xunta directiva, deixaremos pasar un tempo e xa vos informaremos.

—Tocará manter o potencial ou reprantearán os obxectivos?

—Nunca houbo ese debate. O obxectivo do club é claro e meridiano, permanencia. O que pasa é que a experiencia de Chicho Montenegro e da súa directiva fai que se optimicen os recursos e que ano tras ano o equipo amose un alto nivel competitivo. Temos os pés na terra. Este ano descenden 7 equipos nunha liga de 16, clásicos coma Betanzos ou os dous equipos de Valladolid perderon a categoría. Levamos 20 anos mantendo deportivamente a categoría, poucos equipos da liga poden dicir iso.


Comentar