Un toureiro de Láncara
Lemos
Crónica | Alfonso Cela Vieito é o único matador de touros galego
15 Jul 2006. Actualizado a las 07:00 h.
Alfonso Cela Vieito, único matador de touros galego, naceu en Carracedo (Láncara) o día 11 de xullo de 1886. Aos 11 anos trasládase a Madrid e pola súa relación con xente do mundo do touro e gandeiros de reses bravas éntralle o verme da Festa e despois duns comezos difíciles, demostra o seu arroxo e valentía e logra ser obxecto da atención dos entendidos. A súa primeira actuación, vestido de luces, foi en Segovia en 1907, tendo un rotundo suceso e conseguindo por iso varios contratos. Na Praza de Tetuán, en 1909, gostou tanto que foi contratado para unha serie de «novilladas» nas que demostrou o que sería a súa grande virtude no manexo do estoque, dando soberbas estocadas de modo tal que os astados caían fulminados e moitos sen necesidade de «puntilla». Toreou en Carabanchel de «novillero» e en diferentes puntos de España. En 1911 e 1912 foi novillero obrigado nos mellores carteis. En 1911 toreou 8 corridas en Madrid e máis de vinte en provincias. En 1912 sufriu unha collida, en Barcelona, que lle impediu cubrir bastantes contratos. O 15 de setembro do mesmo ano tomou a alternativa en A Coruña de mans de Manuel Mejías Bienvenida e o 22 do mesmo mes, confirmou a súa alternativa en Madrid. Na tempada de 1913 na Praza de Touros de Madrid con reses de Concha y Sierra obtivo un grande triunfo. En 1914 toureou máis de vinte corridas. Tivo un grande éxito en Barcelona o 12 de xullo daquel ano, cando se encerrou con 6 touros de Pérez de la Concha aos que despachou de seis certeiras estocadas e catro deles foron ao macelo sen necesitaren puntilla, conseguindo seis orellas pola súa actuación, que durou sete cuartos de hora. En 1915 tourea 20 corridas e en Madrid obtén outra tarde gloriosa actuando xunto con Vicente Pastor e Rafael Gómez «Gallo», sendo sacado a hombros da Praza. A retirada en 1922 Segue toureando, obtendo grandes triunfos en México, revalidando o seu prestixio de artista pundonoroso e digno ata a súa retirada en Madrid o 25 de xuño de 1922. Vive na Vila e Corte, sen perder os seus vencellos con Galicia, a onde viña pasar algunha tempada, e en Madrid falece o 26 de febreiro de 1932. Na prensa vese que en decembro de 1910, logo dunha estancia no balneario de Riazor, estivo en Sárria ata o 22, pasando a Madrid para celebrar o Nadal co seu pai, manifestando que «pensa adicarse ás faenas da arte taurina». O 9-04-1911 tourea en Madrid, recibindo ovacións. En outubro de 1911 sufriu un puntazo no peito nunha collida en Lorca. Ese mes toureou seis bichos de Tabernero nunha novillada na Coruña. O 10 de marzo de 1912 anúnciase que «Celita» tomará a alternativa na Coruña, querendo, en principio, que lle dese a alternativa Fuentes. En abril de 1912 anúnciase que se pretende que Celita touree nas festas de Corpus de Lugo nunha praza portátil. O 11-9-1912 participou nunha corrida en A Coruña, onde matou o primeiro, segundo, cuarto e sexto touros, tendo unha aparatosa collida no cuarto, saíndo a hombros da praza. Con ocasión da súa alternativa en A Coruña unha representación das autoridades de Sárria e Láncara, acompañada de moitos veciños, desprazouse á cidade herculina, recibindo o brinde do toureiro.