Algo cheira mal en Monforte
Lemos
TRIBUNA | O |
17 Oct 2005. Actualizado a las 07:00 h.
QUÉN ía dicir que os contedores soterrados, ese moderno e vistoso sistema de recollida de lixo, chegarían a provocar a crise máis seria da historia goberno municipal de coalición de Monforte. Quén ía supoñer que ese método tan pulcro e tan avanzado de desfacerse da porcallada doméstica acabaría por causar unha disputa fratricida no seo do goberno local bipartito. Velaí un dos inconvenientes que traen a modernidade e o progreso tecnolóxico. Mais o caso é que mentres os concelleiros socialistas e nacionalistas discuten publicamente sobre os respectivos méritos na modernización da xestión dos residuos sólidos urbanos, a veciñanza segue a padecer os problemas derivados da existencia dos contedores de estilo tradicional, que aínda seguen a ser numerosos no municipio a pesar da instalación das chamadas -con moita orixinalidade- illetas ecolóxicas en diversos puntos do casco urbano. Aínda seguen a ser demasiado frecuentes nas rúas de Monforte esas bruscas agresións ao olfato dos transeúntes cando pasan polas proximidades dos vellos contedores de plástico verde. Sobre todo cando eses contedores segregan -o que tamén continúa sendo habitual- líquidos noxentos procedentes da descomposición do pescado ou do marisco que deixan rastros nauseabundos no pavimento. E tamén seguen formando parte da paisaxe urbana as pilas de desperdicios que se depositan de calquera xeito nas rúas e beirarrúas cando eses vellos contedores quedan ateigados. Algo cheira mal en Monforte, e está ben claro o que é. Se cadra, en vez de disputar acerca de quen é o mellor e o máis elegante colocando contedores soterrados, era máis útil redobrar os esforzos para acabar dunha vez por todas con eses aromas infames e con eses deprimentes cúmulos de lixo ao aire libre.