Un monumento esquecido
Lemos
Crónica | A capela do Campiño Marco Resulta moi curioso que non se conserve memoria algunha desta capela, baixo a advocación de San Marco, que estaba perto do antigo Cine Cissa
16 Jul 2005. Actualizado a las 07:00 h.
Entre as desaparecidas capelas existentes na vila de sarria a do Campiño non deixou sequera unha referencia mínima na toponimía local. Foi a capela do Camiño marco significativo onde chegaban as extremas das parroquias de San Salvador, Santa Mariña e San Pedro de Maside. A súa situación debeu estar no que mais adiante sería o barrio da Duquesa, non moi lonxe do lugar que ocupou o Cine Cissa, nas extremas do leste da fincabilidade da Casa Grande, onde estaba o prado do Campiño, que se regaba coas augas que baixaban pola calexa que repartía as augas da fonte de San Salvador. Esta capela, que formaba parte da parroquia de Santa Mariña aparece nomeada no catastro do Marqués de la Ensenada, e nada queda dela, malia a que douscentos anos atrás aínda estaba en pe. Advocación de San Marco A consulta recente de documentación no Arquivo Diocesán permite coñecer que estaba baixo a advocación de San marco e por iso podemos dicir que se chamaba esta ermida San Marco do Campiño, e dun modo indirecto ainda se refire a ela un censo de lugares e edificios datado arredor de 1870. Resulta curioso que non se conserva memoria ningunha desta capela, e que os diferentes autores que adicaron atención ás cousas de Sarria nin sequera a citen. Claro que tampouco hai estudos que falen das desaparecidas capelas de Santiago do Mercado (documentada entre os séculos XII e XIX) a carón da de Barbadelo, que estaba en pe no século XVII, a carón da Madalena, a de San Xosé da Casa Grande os as dúas de San Roque (unha na Madalena ata o século XVIII e outra na casa de Nullán ou do Barrio desde a segunda metade do XIX a 1978). Temos en Sarria tan pouca memoria histórica. Que a capela do Campiño estaba baixo a advocación de San Marco sábese porque estando a igrexa de Santa Mariña saturada de enterramentos no interior (mesmo houbo que facer enterramentos na sacristía) no ano 1810 houbo necesidade de proceder a facer enterramentos nese pequeno templo, que estaba a uns 300 metros da igrexa matriz no camiño do Mazadoiro. María de Castro, esposa que fora de Manuel Vázquez, que morreu o 25-06-1810 foi enterrada en San Marco, e tamén Pedro López, marido de María Álvarez (15-01-1810), e Pedro Pérez, casado con María Álvarez (2-11-1810) e Mariana López, muller de Xoán Goyanes (10-12-1810) todos fregueses de Santa Mariña. Algún outro enterro houbo que facer na igrexa de Castelo dos Infantes, pola saturación da pequena igrexa de Santa Mariña, mais cando as condicións sanitarias o permitiron volveron facerse enterramentos dentro da parroquial, deixando libre de esa carga a capela de San Marco. Os concellos de 1820 a 1823 tomaron disposición para facer cemiterios fóra das igrexas, e así quedaron libres os templos de tan antihixiénico costume. Realmente cando os fieis ían aos oficios relixiosos pisaban materialmente riba dos seus deudos facendo realidade física o principio da estratificación social, co perigo de transmisión de doenzas que iso supoña. Cando na ala oeste do outeiro da Fortaleza se abriu o primeiro cemiterio común da vila, a capela de San Marco deixou de acoller enterramentos e axiña debeu desaparecer, carente xa de utilidade, sendo moi posible que resultase afectada pola construcción da estrada de Portomarín (barrio da Duquesa), pois no plano de Sarria de arredor de 1860 non hai referencia desta construcción, aínda que si a había no censo ao que antes nos referimos, que dun xeito confuso sinala unha capela de San Lázaro dentro da parroquia de Santa Mariña, ao tempo que dá outra de San Lázaro na parroquia de Maside. Edificación sinxela Posiblemente a capela de San Marco fose unha edificación sinxela, xa ruinosa no tempo de apertura da estrada de Valdeorras, o que explicaría o que non lle dese importancia o redactor do primeiro plano poboacional de Sarria. Outras capelas desaparecidas nos arredores de Sarria foron a de Santa Cristiña, no monte, a da Virxe da Cousela, en Farbán, a de San Miguel de Riáticos, en Barbadelo, e as de Santo Alberte e San Cosme de Carballal, na parroquia de Vilar de Sarria. De devoción e relixiosidade non andaban escasos os sarriaos. E ademais cada ermida ou capela eran boa ocasión para unha romaría. Devotos si, mais tamén alegres e pándigos.