O galego, en perigo
Lemos
TRIBUNA | O |
23 May 2005. Actualizado a las 07:00 h.
DESPOIS DA festividade das Letras Galegas e tamén porque neste mes se celebra o Día Mundial de Europa, permítome estas liñas que invitan á reflexión sobre as linguas, extranxeira e materna. «Tantas linguas sabes, tantas veces es home» reza un dito checo. De nenos, arredor dos dous anos aprendemos a lingua materna, aquela que falan os nosos pais e se estas interactúan en idiomas distintos tamén adquirimos coñecementos das dúas, aínda que cunha inclinación cara a que fale a nai. Se é certa a idea de que a aprendizaxe posterior de linguas diferentes á materna abre o abano de posibilidades no mercado laboral de toda Europa, non é menos certo que o galego se atopa en perigo. A predicción da Unesco é que a lingua galega pode desaparecer no futuro. Non queda outro remedio que loitar, sen armas, coa fala, movendo o músculo da boca. Debemos ser conscientes de que a lingua galega é a que nos representa e de que só empregando o nos idioma exercitamos o papel de ser galegos. Se noutrora se prohibiu a súa aparición na escrita, obrigándoa a ficar relegada ao uso familiar e nas capas sociais máis baixas, hoxe o galego nada ten que ver con aquela asociación á ruralidade ao atraso, á marxinación e á incultura. Dende que Francisco Fernández del Riego promoveu no ano 1963, no seo da Real Academia Galega, a celebración do Día Das Letras Galegas, nesta ocasión adicado ao exiliado Lorenzo Varela, temos un día para a lingua escrita, gracias ao rexurdir do galego da man de Rosalía de Castro e o seu libro Cantares gallegos. O idioma é a cultura do lugar onde nacemos, o grande patrimonio inmaterial que debemos conservar para o futuro.