La Voz de Galicia

«Hai que cambiar a visión que se ten do virus, de que é algo basicamente banal»

Galicia

Xurxo Hervada leva anos e anos analizando picos da gripe, campañas de vacinación, tipos de virus e ondas epidémicas.

08 Jun 2015. Actualizado a las 05:00 h.

Xurxo Hervada leva anos e anos analizando picos da gripe, campañas de vacinación, tipos de virus e ondas epidémicas.

-Un escaso 53 % de vacinación entre os maiores de 65 anos, ¿que hai que facer para que a xente se vacine máis?

-Temos unhas ideas moi tipificadas de onde están os puntos de atención. O primeiro está nos profesionais sanitarios, temos que insistir en que a recomenden.

-¿Pero dubida de que se recomende poñer a vacina?

-Non, seguro que se recomenda, pero se o paciente é reticente e di: eu non teño enfermidades e non me interesa poñela, igual algúns profesionais poden facer algo máis de esforzo nese sentido, no convencemento. E por outro lado está o nivel poboacional, porque a visión da gripe segue basicamente sendo como algo banal. É un fastidio pero nada máis. Esa visión hai que cambiala.

-¿Que se pode facer entón na vindeira campaña?

-Insistir nesas mensaxes, comparando con outras situacións ou enfermidades que aparentemente son máis perigosas e non causan máis mortes, como algún tipo de cancro como pode ser o de páncreas, moi perigoso e letal pero non moi frecuente; ou certos tipos de accidentes. E tamén insistir en que a vacina supón pouco esforzo.

-¿Ese vai ser entón o obxectivo?

-Estámolo valorando, pero esa sería a idea. Este é un problema universal e é o que recomendan os traballos científicos, dar unha visión máis obxectiva do que supón a gripe.


Comentar