La Voz de Galicia

O influxo da madriña

Fugas

Diego Ameixeiras
Patti Smith (d), Premio Princesa de las Artes 2026, reparando na mensaxe da sudadeira dun alumno durante un encontro no Instituto Bernaldo de Quirós en Mieres.

23 Oct 2026. Actualizado a las 05:00 h.

Prendín a televisión e atopeime a Patti Smith interpretando People Have the Power nun instituto de Mieres, en Asturias: «Sobre os humildes / derrámanse as grazas», cantaba outra vez. Terremotos a media tarde no sofá. A imaxe, coa súa perfección, humedeceume os ollos a queimarroupa: unha venerable anciá, madriña do punk, lembrándolle aos rapaces que os cidadáns temos «o poder de reparar a obra dos necios». Vin tamén que o director de cine Guillermo del Toro non puido reprimir o pranto estes días. Sucedeulle falando do futuro da mocidade, cando recibía a medalla de prata da Filmoteca da Universidade Nacional Autónoma de México. «A la generación que viene le entregamos un mundo en ruinas», dixo. Ao que engadiu: «El tejido social que alguna vez nos permitió articular una fábula o una parábola está totalmente desintegrado». Asistín despois ás enérxicas protestas dos estudantes franceses, movemento cuxo espírito se estende agora por outros países europeos —Italia, Bélxica, Albania, Portugal— ante o elevado custo da vida, a especulación inmobiliaria e os recortes dos servizos públicos. E non conseguín refrear unha segunda humidade nos ollos cando irrompeu ante min a figura adolescente de Elwan Benoît, ese rapaz de só dezasete anos convertido nun dos rostros emblemáticos das mobilizacións. Falaba da precariedade que padecen os estudantes da periferia de París, denunciaba o frío que pasan nas aulas, reclamaba máis recursos para os profesores, imaxinaba unha vida sen os excesos dun capitalismo depredador que lles pretende roubar o futuro. Anda a mocidade da xeración Z adoecida pola ruptura do contrato social en Europa: faláronlles de progreso e atoparon miseria. Deixámoslles a herdanza dun mundo para botarse a chorar, non paran de dicirnos mentres a ultradereita se incrusta nos gobernos do continente. Para contrarrestar as bágoas que lle asaltaron o rostro, celebrei que Guillermo del Toro acudise ao bálsamo do humor: «El fascismo siempre vuelve, es como los pantalones de campana». E logo deume por poñer People Have the Power en bucle para conxurar as lasitudes da tarde e os horrores aos que queren conducirnos. Será que continúo baixo os efectos da madriña que campa hoxe por Oviedo, pero necesito completarlle agora a frase ao director de El laberinto del fauno. Parece que tamén volve o poder da xente: a rapazada, en roupa de faena, disposta a reparar a obra dos necios.


Comentar