La Voz de Galicia

Queremos tanto a Willis Carrier

Fugas

Diego Ameixeiras
Willis Carrier.

28 Aug 2026. Actualizado a las 05:00 h.

A humidade compostelá, implacable asasina en serie, estragoume un par de caixas con libros que gardaba no rocho. Permanecían alí metidos dende a miña última mudanza, á espera de atopar un recuncho máis axeitado dentro na casa. A visión e o tacto dos volumes deformados deixoume fóra de xogo durante unhas horas, supoño que por culpa dun excesivo apego a eses obxectos que tantas veces, ao longo da vida, conseguen librarnos dos precipicios. Non estou obsesionado coa súa conservación e gústame que teñan marcas de uso, pero en xeral tendo a coidalos pensando no valor insubstituíble do papel, agora que semella baterse en retirada fronte a lectura dixital. As caixas que se derramaron contiñan uns cantos exemplares insalvables que remataron no colector do lixo e outros que están en pleno proceso de recuperación. Esta pequena apocalipse doméstica coincide cunha sucesión de noticias sobre o despezamento masivo de libros para alimentar a Intelixencia Artificial. Detrás están empresas como Anthropic, que disque emprega máquinas de corte hidráulico para arrincar as páxinas antes de sometelas a escáneres industriais de alta velocidade, un proceso que implica a desaparición de millóns de volumes. A realidade é que moitas librarías de vello están a recibir pedidos de libros dende os Estados Unidos —seleccións aparentemente irracionais, con maioría de non ficción— que son destruídos para o adestramento da máquina, co inquietante obxectivo de que sexa quen de imitar definitivamente o funcionamento do noso cerebro. Imaxino que agora mesmo, nalgunha nave industrial de Wisconsin, os malos desta película de terror estarán mandando á guillotina libros de matemáticas, filosofía ou lingüística; supoño que tamén textos escolares ou manuais de horticultura. Para facerlles fronte, unha columna de resistentes á destrución aínda nos esforzamos en proceder á reanimación dos nosos feridos. Manteño os exemplares que salvei do desastre nun cuarto da casa, envoltos no ambiente seco que lles proporciona o deshumidificador, e visítoos cada mañá coa esperanza de darlles a alta en breve. Quedaranlle secuelas, pero van mellorando. A min tamén me pasou o desgusto. Débollo a Willis Carrier, inventor dese aparello capaz de revivificar unha torre de libros e de restaurar a miña paz mental. Honores para este señor. Sorpréndeme que a cidade de Santiago non pensara en dedicarlle o nome dunha rúa.


Comentar