Matrimonios
Fugas
28 Aug 2026. Actualizado a las 05:00 h.
Quen o ía dicir, pero o matrimonio está de moda, e non o digo porque este verán asistise a unha voda preciosa de amigos que casaron por segunda vez. Fun testemuña do fermoso que é o amor da xente maior nunha leira ao solpor cos contraentes dicindo «si si» baixo a luz violeta de xullo á sombra dun carballo torcido que daba conta de que a vida dá moitas voltas e que nunca se sabe que póla vai crecer máis cerca da raíz do que nunca imaxinaras. Tampouco porque outro serán de ceos azuis e ventos feridos de esperanza asistín a outro casamento tamén precioso nun pazo con xardín con dúas noivas vestidas de branco inaugurando futuro collidas da man fronte a un auditorio emocionado e con atavíos de gala como no máis tradicionais dos enlaces.
O amor non pasa de moda e as ganas de casar tampouco. Nada en contra. Amo o amor tanto que ando a buscalo unha e outra vez nos sitios equivocados como as barras de bar onde bico a descoñecidos que fago desvanecer cando pronuncian o seu nome. E amo o matrimonio tanto como para seguir casada a pesar de levar once anos separada sen papeis. Para que, se meu exmaridiño é a persoa na que máis confío, o único que me levaría o bocadillo de chourizo ao cárcere se por un casual acabase alí, que sei eu, por atropelar un can ou un ciclista, Deus non o queira. Xusto hoxe hai vinte oito anos que cruzamos a porta da basílica de Santa María, que de arroxarse aos sacramentos mellor pola porta grande da historia e da beleza.
A que si pediu o amparo da, naquel entón, nova lei foi Josefina Blanco, esposa de Valle-Inclán. Divorcio non quería, como a maioría das mulleres que acudían ao acubillo da norma republicana. Nada de meterse con Deus nin soñar cunha nova vida, bastaba con librarse dos golpes ou do abandono sen pensión de ningún tipo. A avogada foi Clara Campoamor, que tiña que pelexar para que os xuíces aceptasen a realidade, case sempre reaccionarios as novidades sociais do poder lexislativo. A historia cóntaa novelada Isabel Lizárraga nun libro publicado por Renacimiento. Por algunha non estraña razón, chámalle preito de amor a esa acción dunha muller algo desesperada que pretendía un acordo legal para cando o matrimonio non funciona. Casos hai, estean xuntos ou non.