La Voz de Galicia

«A lingua é a memoria da tribu»

Firmas

maría conde pontevedra / la voz Catedrático da Universidade de Santiago e académico da RAG

Francisco Fernández Rei critica a política «deconstructora» contra o galego

05 Apr 2013. Actualizado a las 07:00 h.

O académico Francisco Fernández Rei definiu onte a lingua como «a memoria da tribu», como o depósito da memoria colectiva de Galicia, na súa intervención na Semana de Filosofía. O catedrático fixo un percorrido pola situación da lingua desde o franquismo á actualidade, de como dunha situación de gueto «e anormalidade social» pasou á cooficialidade na primeira etapa autonómica. E se ben nos primeiros anos a política lingüística foi «de baixa intensidade» pero con avances positivos para un certo prestixio social, a situación desde 2009 ata á actualidade é de «unha política lingüística deconstructora» contra o galego.

«É a primeira vez que un goberno autonómico lexisla en contra do galego e ten unha política lingüística desprotectora, e a proba máis clara foi o decreto do plurilingüismo», indicou, tras lembrar que o recurso contra o Supremo presentado contra a norma pola Real Academia Galega pretende «que o decreto desapareza e se volva a un consenso baseado no Plan Xeral de Normalización da Lingua do 2004». Fernández aludiu a que «é necesario conservar a memoria, pero non en plan arqueolóxico, senón que hai moito da lexicoloxía tradicional que temos que recuperar».

Referiuse tamén ao proceso para elixir novo presidente da RAG, e subliñou que lle houbera gustado unha candidatura de consenso, aínda que xa o ve «dificilísimo». «Creo que a todo o mundo lle houbera gustado unha candidatura de consenso real, non retórico cara aos medios de comunicación. Porque isto o que está evidenciando é que hai unha fractura, e non é bo nin para a institución, nin para a lingua nin para a convivencia».

Sobre a recuperación na memoria e a reinterpretación do pasado, neste caso na Europa occidental e oriental trala caída do muro de Berlín e da antiga Unión Soviética, falou o profesor italiano Bruno Groppo. Sinalou que se aplicaron unhas políticas de memoria e esquecemento específicas, que parten «dunha división profunda entre a memoria da Europa occidental, marcada polo Holocausto, e Europa oriental, marcada pola experiencia comunista». «A memoria da experiencia comunista é punitiva, mentres que non se lle atribúe o mesmo valor ao Holocausto, pois intentan ocultar as responsabilidades dos países europeos, e isto é inaceptable», engadiu. Para Groppo, Alemaña é o país que fixo «un traballo máis serio na recuperación da memoria, tras unha amnesia voluntaria ata os 60, cousa que non ocorreu en Italia». A última en intervir foi onte Paula Godinho.

Por outra banda, a Aula Castelao estará mobilización en defensa do ensino da filosofía mañá en Santiago.


Comentar