La Voz de Galicia

Clima en cambio

Ferrol

Xan R. Silvar

12 Oct 2018. Actualizado a las 06:00 h.

Estaba aínda quente o último informe do Grupo Intergubernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC), cando caeron en poucas horas máis de 230 litros por metro cadrado na localidade Mallorquina de Sant Llorenç, causando dez mortos e un desaparecido. Esta traxedia estaba dentro do previsible, ao estar o pobo construído sobre as canles de dous torrentes e, así, declarada como «área de perigo de inundación» polos responsables ambientais. A permisividade no urbanismo dos anos 70 a 90, sementou de miles de problemas similares todo, repito, todo o litoral ibérico. Lémbrense as inundacións no País Vasco en 1985 ou as de Galicia en 2006, tras da vaga de incendios, cando Vilagarcía ou Cee amosaron o resultado de chuvias fortes sobre cascos urbanos disparatados. Problemas condenados a repetirse onde hai centros escolares chamados «A Xunqueira», ou ríos como O Con, que atravesa Vilagarcía e desemboca nun estreito paso baixo naves industriais.

Mais o IPCC non fala de meteoroloxía, senón de clima, e nesta entrega destaca a necesidade urxente de tomar medidas para non superar o quentamento global en 1,5ºC. Baséase na evidencia do escenario actual dun exceso de 1ºC, con desxeo ártico, fenómenos meteorolóxicos extremos, morte de coral... A lista de deberes é colosal e excede do alcance deste columna, pero os centos de científicos independentes, que analizan miles de publicacións de múltiples disciplinas relacionadas co cambio climático, din aos 195 Estados Membros que o reto é posible co coñecemento científico e técnico actuais. Falta a convicción popular de estarmos ante un desafío de supervivencia, para que os decisores, políticos e corporacións, actúen en serio xa.


Comentar