La Voz de Galicia

«No PSOE local todos van remar na mesma dirección»

Ferrol

m.m., r.p.p. Integrante da comisión executiva federal de Juventudes Socialistas
O secretario xeral asegura que o partido escoitou á cidadanía.

O ferrolán pensa que o conflito de Podemos na cidade é a «crónica dunha morte anunciada»

28 Jan 2015. Actualizado a las 05:00 h.

O ferrolán Aitor Bouza Manso (Ferrol, 1991), secretario xeral de Xuventudes Socialistas en Galicia y recén nomeado membro da comisión executiva federal, analizou onte en Radio Voz Ferrol (105.4 FM) a situación política actual, dende Grecia aos problemas no PSOE ferrolán, pasando, claro, por Podemos.

-¿Como afronta esta etapa?

-Estou moi ilusionado, aproveitar este impulso que pode ser productivo para Galicia. Sobre todo por este novo ano que nos espera, con eleccións municipais e xerais. Digo ilusión porque o PSOE está facendo un cambio brutal para intentar recuperar toda esa confianza que perdemos. Estamos no momento idóneo. O partido escoitou á cidadanía. A xente está moi saturada da política porque levou moitos chascos de toda a política española. Por iso temos que convencer de que a política é o medio para transformar á sociedade.

-¿Cre que se fixo autocrítica?

-Si, pero non creo que teñamos que deixar de facela. A autocrítica é positiva sempre, nos fortalece. Agora estamos preocupados do que a xente lle interesa.

-¿Que opinión lle merece o resultado en Grecia?

-O Pasok non é o PSOE, Grecia non é España e Syriza non é Podemos. Non se poden traspoñer porque a situación en Grecia non ten nada que ver coa que está a vivir España. O PSOE foi un dos primeiros en recoñecer que as políticas que estaba a desenvolver o Pasok non eran as correctas. O resultado era algo esperado. O Pasok non fixo os deberes.

-¿Que lle parece que Ferrol fora a única cidade onde non se puido constituír Podemos? ¿Os mecanismos son os correctos?

-Era a crónica dunha morte anunciada. O que estamos a ver no partido de Pablo Iglesias é que nos queren vender moita democracia, pero ao final non é tal. Nós fixemos unhas primarias abertas porque temos unha estrutura. Querer escapar desa estrutura demostra que eses cauces non xeran máis democracia. Ao final a persoa que se elixe non ten esa lexitimidade, porque como a eles non lles gusta, pois o quitan. Pasou en Ferrol e en Lugo. Agora vaise repetir a votación. Pero ¿que garantía existe de que ese método é o correcto?

-¿Que lle pasará ao PSOE? ¿Haberá desgaste polo conflito entre o grupo municipal e a executiva?

-O importante é que ao final todos van remar na mesma dirección e traballar na liña de que ao PSOE lle vaia ben. Ademais houbo un cambio na portavocía de Ferrol o propio voceiro dicía que ía traballar cóbado con cóbado coa executiva e penso que iso é produtivo. ¿Que había diverxencias? Non pasa nada. No Partido Socialista temos unha cousa, que é a democracia.


Comentar