La Voz de Galicia

Mar e políticos

Ferrol

Xan R. Silvar C

08 Feb 2014. Actualizado a las 01:51 h.

Como ben sabe un estudante de secundaria, a costa e o mar non estiveron sempre onde hoxe están; houbo intres xeolóxicos nos que se podería camiñar polo fondo dunha ría e outros nos que as augas cubriron o que hoxe é «terra firme». Así foi e así será. Cando a Humanidade acadou coñecementos de enxeñería comezou a construír peiraos e diques para facilitar a navegación: moitos deles aínda aguantan temporais.

Pero no século pasado obras arrogantes traspasaron os límites do sentido común e da técnica, invadindo praias, dunas, esteiros e marismas, esquecendo que estas formacións -os humidais, lembrados pola ONU o pasado día 2- son un freo á acción das augas, amansando coa mobilidade de areas e lamas a forza transmitida polas ondas. Xa na segunda metade do século XX, a combinación da ambición do ladrillo, políticas consentidoras e técnicos ousados permitiron tapar con formigón o dominio das areas, causando cambios drásticos nas correntes e alterando a relación entre mar e terra. Deron, ademais, unha falsa sensación de seguridade aos cidadáns, expostos a seren arrastrados nun paseo urbano. Convén apoiar unha enxeñería sensata e sostible, apoiada nas ciencias da Terra que fala, coma os vellos mariñeiros, que o mar sempre volve polo seu, e non insistir en solucións falidas, emendadas repoñendo os desperfectos ata a seguinte. Non están os tempos para cuspir contra o vento.


Comentar