Entre todos os tesouros
Ferrol
DENDE ESCANDOI | O |
10 Nov 2004. Actualizado a las 06:00 h.
FOI HAI sete ou oito días, a verdade é que agora non sabería precisalo. Un rapaz, nun pequeno coche colorado deses que levan, ademais da música sempre a canto dá, adornos de plástico por todas partes, foise empotrar contra outro coche, o dun matrimonio que estaba parado nun semáforo. O señor e a señora -el moi alto, vestido cunha americana gris, ela tamén moi elegante, falando baixiño ambos...- preguntábanlle ao outro condutor, con tranquilidade e sen enfadarse, se lle pasara algo. E o rapaz ruidoso -ao que tampouco lle ocorrera, por sorte, nada, aínda que o seu automóbil era con moito o máis danado- preguntáballes á súa vez a eles, pero no seu caso a berros e brincando coma se tivese o formigo no corpo, poñendo cara de malo- se estaban «atontados». Nin o señor nin a señora se enfadaron. Despois de comprobar que o rapaz estaba ben, tanto ela coma el deixaron de escoitalo. Pero, iso si, ofrecéronse a levalo á súa casa. (Falamos só uns segundos, non precisaban nada. Contáronme que lles daba pena o rapaz...) Despois de marchar, dinme conta de que os coñecía, ao señor e á señora, aínda que non sei cómo se chaman. Véxoos algunha vez; a el na librería e nalgunha ocasión no Derbi -creo que é enxeñeiro da Armada ou do Exército, talvez retirado, podo equivocarme-; a ela cun neno e unha nena da man, supoño que netos deles, e a veces tamén coa nai deses nenos, seguramente a súa filla. E véxoos, ademais, pasear xuntos pola tardes; sen negar xamais unha moeada a cantos llela piden, que son tantos, e sempre cun sorriso nos labios. Son xentes coma vostedes, si. Garantes do maior dos tesouros que existen, do camiño ao futuro, da civilización salvada. (A todos, moitas grazas.)