La Voz de Galicia

Semana dramática para o tren

Escuela

L. Cancela La Voz de la Escuela
Un dos trens accidentados en Adamuz.

O 18 de xaneiro acaeceu na alta velocidade española un grave accidente con dous trens implicados no que faleceron 45 persoas. O Goberno decretou o loito oficial. Que implicacións ten esa decisión? Por que se fai? Quen a pode determinar? Explicámosche unha figura institucional habitual ainda que descoñecida para moitos

28 Jan 2026. Actualizado a las 10:16 h.

España enfronta unhas semanas moi difíciles para o transporte ferroviario. En apenas uns días producíronse dous accidentes graves de tren, con vítimas mortais, que puxeron o foco na seguridade da rede ferroviaria, aínda que tamén en certa mala sorte.

Que pasou?

O domingo, 18 de xaneiro, a iso das oito menos carto da tarde, ocorreu o accidente máis grave na alta velocidade española (é dicir, cun AVE implicado). Sucedeu en Adamuz (Córdoba), na liña que une Madrid con Andalucía. Un tren da compañía Iryo (italiana) que cubría a ruta entre Málaga e Madrid sufriu un descarrilamento que fixo que varios dos seus últimos vagóns invadisen a vía contraria. Aos poucos segundos (ao principio falouse de 20, pero agora de 9), un tren Alvia que ía en sentido oposto (de Madrid a Huelva) pasou pola vía paralela, a uns 200 quilómetros por hora e petou contra o primeiro vagón descarrilado e contra os seguintes. Isto provocou que os dous primeiros vagóns do Alvia caesen por un noiro de varios metros, o que causou numerosos feridos e mortos.

Cantos?

Tras días de traballo forense e de rescate, as autoridades pecharon a listaxe de vítimas con 45 falecidos: 36 persoas viaxaban no Alvia e nove Iryo, e entre elas estaba o maquinista do Alvia. Ademais, centos de persoas resultaron feridas, moitas delas con lesións de diversa gravidade física e psicolóxica.

Por que non freou o Alvia?

É certo que os trens contan con sistemas automáticos de freado de emerxencia, pero estes necesitan espazo e tempo suficientes para ser efectivos. Hai que pensar que o Alvia circulaba a moita velocidade e que non tivo nin un minuto para reaccionar. Sucedeu moi rápido. Unha cuestión de mala sorte terrible, porque, se chegase un par de minutos máis tarde, podería ter freado.

Cales son as causas?

Polo momento, aínda que non hai conclusións definitivas oficiais, a principal hipótese é que fallou a soldadura do raíl, que puido deteriorarse de forma non detectada e romper. Ao parecer, unía un raíl novo con un que funcionaba dende o inicio do AVE, no 1992.

Quen o investiga?

A investigación do accidente está en mans da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), un organismo independente. O seu obxectivo é reconstruír con exactitude o que aconteceu para corrixir fallos.

En Cataluña

A este accidente sumouse outro ocorrido dous días despois, o 20 de xaneiro, na rede de Rodalies (de proximidade) de Cataluña. Neste caso, un tren de proximidade chocou contra un muro de contención que caera sobre a vía, posiblemente por mor das intensas choivas e tal vez un fallo de deseño do propio muro. O sinistro provocou a morte dun maquinista en prácticas e decenas de feridos. Aínda que non garda relación directa co do Adamuz, reforzou a preocupación polo estado dalgunhas infraestruturas ferroviarias. De feito, este servizo catalán paralizouse a fin de semana pasada.

 

Hemeroteca: de León a Sevilla ou Santiago, as outras traxedias ferroviarias

Ao longo da historia, en España houbo accidentes ferroviarios que causaron un impacto fondo na sociedade e na seguridade, xa que, despois dalgunhas destas desgrazas, elimináronse as causas que as provocaron.

Seguridade

Estes días debateuse moito sobre a seguridade dos trens. É normal que haxa medo e algo de desconfianza, pero hai que pensar que no noso país miles de persoas viaxan en tren e non vemos accidentes a diario. Todos os trens son sometidos a inspeccións regulares que inclúen o control de freos, de rodas ou dos sistemas eléctricos e electrónicos, así como dos mecanismos de seguridade, como os freos de emerxencia.

 

Actividade básica

A axuda

Pensade que persoas axudan en traxedias como a de Adamuz. Desde logo, están a policía e os bombeiros, pero que outras profesións interveñen? Non pensedes soamente no accidente.

-------------------

As actividades están deseñadas por L. Cancela

 

Un país que está de loito

Imaxe da homenaxe de Estado organizada con motivo da dina de Valencia no 2024Kai Forsterling | EFE

Cando acontecen grandes desgrazas, o Goberno acostuma adoptar unha postura de respecto e solidariedade coas vítimas

Tras o accidente de Adamuz, o Goberno de España decretou tres días de loito nacional (martes, mércores e xoves pasados). Esta decisión é un signo de respecto polas vítimas e as súas familias, pero tamén unha medida con significado simbólico e administrativo, a pesar de que moitos descoñecen a súa implicación.

O loito nacional é unha declaración oficial que se utiliza en España para mostrar dor e solidariedade por feitos tráxicos que afectan a gran parte do país, como accidentes graves, desastres naturais ou a morte de persoas moi relevantes para a sociedade.

Desde logo, non se limita aos accidentes ferroviarios, pois tamén se decretou en casos de grandes incendios, terremotos ou falecementos de altos cargos institucionais. A decisión de establecer un loito nacional corresponde ao Goberno central e publícase oficialmente no Boletín Oficial del Estado (BOE).

Existen ademais outras formas de loito, que poden ser locais ou autonómicas. Por exemplo, un concello pode declarar loito municipal cando acontece un feito grave que afecta á poboación, como un accidente, un incendio ou a morte dun veciño coñecido. De forma similar, un Goberno autonómico pode declarar loito na súa comunidade se a traxedia impacta nela, aínda que non teña consecuencias directas no resto do país.

En todos os casos, é un xesto simbólico, pero serve para organizar actos oficiais de respecto, como minutos de silencio, izado de bandeiras a medio mastro ou suspensión de actividades institucionais.

Así, durante o loito nacional como o declarado tras o accidente de Adamuz as bandeiras de edificios públicos colócanse a medio mastro e moitas veces suspéndense actos institucionais e celebracións oficiais. Non significa que se paralice o país nin que a vida cotiá se deteña, pero si é un recordatorio visible do respecto polas vítimas, e unha maneira de chorar, aínda que sexa simbolicamente, xuntos. O loito é un proceso necesario para aceptar unha perda e facelo cos amigos e coñecidos axuda a superar o feito doloroso.

 

De funeral de Estado a homenaxe: un cambio de nome e de forma

En España, a forma en que o Estado rende homenaxe ás vítimas de grandes traxedias cambiou nos últimos anos. Ata a chegada do rei Filipe VI os actos eran católicos: o último foi o funeral de Estado pola morte do que fora presidente do Goberno Adolfo Suárez; celebrouse no 2014 e presidírono os reis eméritos, Xoán Carlos I e Sofía. Desde entón estes actos teñen un carácter aconfesional, que é a nosa forma de Estado, como recolle o artigo 16.3 da Constitución Española. A primeira homenaxe laica celebrouse no 2020, xa cos reis actuais, Filipe e Letizia, polos mortos da pandemia da covid-19.

O acto chámase de Estado porque o organiza o Goberno e o preside o rei. Se o fan as familias, unha asociación ou calquera outra entidade, pode ser un funeral católico, e por suposto poden acudir os reis ou o presidente do Goberno, pero non é de Estado.

As homenaxes de Estado teñen a lóxica da non confesionalidade de España, e adáptanse a unha sociedade plural, respectando as crenzas e sensibilidades da poboación. Non todos temos a mesma relixión nin cremos nalgunha. De feito, España é un país diverso neste sentido. As homenaxes poden estar acompañadas da lectura dos nomes dos mortos, discursos en primeira persoa, ofrendas florais e minutos de silencio, todo iso cun enfoque emocional e comunitario, sen seguir un guión litúrxico.

Actividade media

A pegada relixiosa

Na nosa sociedade hai moitos costumes que teñen unha pegada católica: dende as vacacións ata os grandes fitos da nosa vida. España non é un país laico, pero si aconfesional. Cres que a nivel institucional se deberían manter os actos relixiosos (católicos)?

 

ENTENDER

Volver a vivir o desastre anos despois

PROFUNDAR

As «fake news» gañan terreo despois dunha traxedia para xerar dúbidas sobre o Estado

Actividade avanzada

O labor do xornalista

Creade grupos. Despois, imaxinade que sodes xornalistas. Defendede cada grupo se publicariades o seguinte, e xustificade a vosa resposta: unha imaxe moi forte do accidente, un rumor sobre as causas ou unha lista non confirmada de vítimas.

 

 


Comentar