La Voz de Galicia

Virginia Woolf

Escuela

José A. Ponte Far

Ímonos seguir ocupando este curso de grandes escritores europeos e americanos que levaron a literatura a niveis de gran calidade. Nin a poesía nin, sobre todo, a novela actuais serían as mesmas sen a achega literaria de cada un deles. Deste xeito, queremos render unha modesta homenaxe escolar á súa memoria e axudar a que sexan un pouco mellor coñecidosvIRGINIA NON FOI Á ESCOLA, PERO TIVO TEMPO PARA LER GRAN PARTE DA BIBLIOTECA FAMILIAR

18 Oct 2017. Actualizado a las 05:00 h.

Virginia Woolf (o seu apelido verdadeiro era Stephen) naceu en Londres en 1882 e morreu en 1941, con 59 anos, arroxándose o 28 de marzo ao río Ouse, en Sussex (Inglaterra): enchera os petos do abrigo con pedras para que o seu corpo se afundise baixo a auga. O cadáver non aparecería ata o 18 de abril, día en que o atoparon uns nenos que xogaban na beira do río.

Virginia pertencía a unha familia rica, cun pai, Leslie Stephen, moi recoñecido como historiador e editor, que casou dúas veces e reuniu baixo o teito dunha elegante mansión londiniense no barrio de Kensington a oito fillos: unha filla do seu primeiro matrimonio, tres que achegou a súa segunda muller do anterior matrimonio e catro que tiveron xuntos: a esta saga pertence Virginia. Unha familia singular, cuxos fillos se criaron un pouco ao seu aire, sobre todo despois da morte prematura da nai de Virginia e do seu pai. Irmáns e medio irmáns case se disputaban o ser máis estrafalarios que os outros, aínda que case todos estaban moi dotados intelectualmente e cunha alta sensibilidade artística. Talvez quen levaba a palma nesta casa excéntrica era Virginia, que tivo desde pequena unha vida singular: ela e a súa irmá non acudiron a escolas nin colexios, e foron ensinadas en casa polo seu pai e por profesores particulares. Tiveron tempo para ler gran parte da enorme biblioteca familiar e foron mulleres moi cultas: Vanessa, unha importante pintora postimpresionista, e Virginia, unha gran escritora.

O primeiro que fixeron foi cambiar de domicilio. Trasladáronse ao barrio londiniense de Bloomsbury, e a súa cas fíxose famosa deseguido porque nela celebraban faladoiros os xoves pola noite os irmáns cos seus amigos, que rivalizaban en modernidade e en frivolidade. E alí, no número 46 de Gordon Square, que hoxe se conserva como atracción turística, discutíase de psicanálise, de teoría cuántica, da nova economía e de Cézanne, Gauguin, Van Gogh e Picasso, pero non faltaban nin as festas nin o alcol. Por esa casa pasaron filósofos como Bertrand Russell, o economista John Keynes, o escritor Gerald Brenan, pintores como Dora Carrington, críticos, escultores… Unha galería de personaxes que máis tarde irán aparecendo nas novelas de Virginia, á que moitos deles deben a súa celebridade.

TRAUMAS

Nesta época é cando Virginia sofre os abusos deshonestos do seu medio irmán George, o que vai provocar na moza un trauma psicolóxico. No seu texto autobiográfico A Sketch of the Past, a propia Virginia Woolf só aludiu a estas desgraciadas experiencias de forma velada, de acordo coa ríxida moral da época. De todos os xeitos, as súas depresións empezaran antes, coa morte da súa nai, cando ela tiña 13 anos, e volverían repetirse dous anos despois, cando a súa medio irmá Stella, quen tomara as rendas da casa, casou e morreu na súa lúa de mel. Ao longo da súa vida, a escritora viuse acosada por períodos depresivos, cambios repentinos de humor e enfermidades asociadas, pero a súa produtividade literaria non se resentiu por iso.

O PROBLEMA DE SER MULLER

Virginia deuse conta pronto de que non ía ter as mesmas oportunidades cos homes. Ela, como pasaba con todas as mulleres de entón, non puido asistir á Universidade. As súas frecuentes xaquecas, crises nerviosas e depresións, provocadas pola súa mente bipolar, complicáronlle a vida, tanto física como psicoloxicamente. Pero o seu talento e a súa formación, adquirida a través da lectura, permitíronlle empezar a escribir e tratar de dar orde á súa vida: fíxose sufraxista (loitou polo dereito das mulleres a votar), deu charlas nun círculo obreiro sendo unha señorita de alta sociedade, vestiu pantalóns de home, fumou en público, viviu unha relación sentimental coa poeta Vita Sackville-West, esposa dun lord, estando ela tamén casada. A ela dedicoulle Virginia a súa obra Orlando, unha biografía, que o fillo de Vita considerou «a carta de amor máis longa e encantadora na historia da literatura». E todo iso xa non era un xogo para Virginia, como os da casa de Bloomsbury, senón un xeito de romper os grillóns das convencións sociais que a convertería nunha abandeirada do feminismo.

 En 1912, con 30 anos, casou co escritor Leonard Woolf, un membro do grupo de Bloomsbury.

En contra do que puidese parecer, a parella compartiu lazos moi sólidos. El mostrouse sempre paciente e tolerante, pola admiración que sentía polo seu talento literario. Chegou a fundar unha imprenta, a Hogarth Press, para editar a man os libros de Virginia xunto cos de T. S. Eliot e Sigmund Freud. E nas fotografías aparece ao seu lado resignado, riseiro, mostrando a súa admiración por ela. Pero non foi suficiente: a mente descompensada da escritora, os seus constantes achaques de saúde e a súa mentalidade adiantada fixeron que aos poucos a súa vida deixase de interesarlle. Xa intentara suicidarse cando era moza con barbitúricos, pero lograrao aos 59 anos. Deixou ao seu marido unha carta reveladora e sorprendente:

«Sento que vou tolear de novo. Creo que non podemos pasar outra vez por unha desas épocas terribles. E non podo recuperarme esta vez. Comezo a oír voces, e non podo concentrarme. Así que fago o que me parece o mellor que podo facer. Ti déchesme a máxima felicidade posible. Fuches en todos os sentidos todo o que calquera podería ser. Creo que dúas persoas non poden ser máis felices, ata que veu esta terrible enfermidade. Non podo loitar máis. Sei que estou arruinando a túa vida, que sen min ti poderás traballar. Faralo, seino. Xa ves que non podo nin sequera escribir isto adecuadamente. Non podo ler. O que quero dicir é que debo toda a felicidade da miña vida a ti. Fuches totalmente paciente comigo e incriblemente bo. Quero dicilo. Todo o mundo o sabe. Se alguén podía salvarme terías sido ti. Todo o perdín excepto a certeza da túa bondade. Non podo seguir arruinando a túa vida durante máis tempo. Non creo que dúas persoas puidesen ser máis felices que o que fomos ti e eu. Virginia».

O seu esposo enterrou os seus restos incinerados baixo unha árbore en Rodmell, Sussex.

 

A súa obra renovadora

É, basicamente, novelista, pero tamén fixo incursións noutros xéneros literarios. Por exemplo, escribiu varios ensaios sobre a condición feminina, nos que reivindicou o papel da muller na vida social e artística. Foi tamén crítica literaria, así como autora de dúas biografías e dun bo número de colaboracións xornalísticas. E unha xenerosa escritora de cartas.

Como novelista, pódese considerar unha renovadora. Distínguese dos seus contemporáneos precisamente por tratar de achar un camiño novo para a novela, apartándose do realismo imperante e desmitificando o valor da trama argumental, así como a detallada descrición dos personaxes. Ela adiántase a James Joyce á hora de ensaiar co monólogo interior, que é unha forma de converter o tempo nun fluído de conciencia, un xeito de regurxitar o pensamento, algo así como fan os ruminantes coa comida. A pesar do seu carácter renovador, as súas obras foron moi ben recibidas polo público e gozou de moito éxito entre lectores e críticos.


Comentar