La Voz de Galicia

Polisóns do corpo humano

Escuela

Bibiana G. Visos bibiana@casaciencias.org

Calcúlase que temos no organismo dez veces máis mircrobios que células propias

22 Jan 2014. Actualizado a las 12:09 h.

En cada centímetro cadrado da nosa pel viven unhas 10.000 bacterias, o dobre dos habitantes que ten Madrid por quilómetro cadrado. Os científicos calculan que en todo o corpo hai dez veces máis microbios que células humanas e que nun individuo duns 60 quilos poden morar máis dun quilo e medio de microorganismos. O corpo humano está abarrotado de bacterias, pero non é un dato alarmante, xa que a inmensa maioría non son daniñas, máis ben todo o contrario. As diversas comunidades de bacterias que habitan nunha persoa común cumpren funcións beneficiosas para a vida e a saúde. Entre elas, a de axudar a controlar poboacións doutros microorganismos, patóxenos, que si poden causar enfermidades.

Por isto, a revista Science destaca entre os dez achados máis importantes do 2013 a lista dos microorganismos que viven no corpo humano. A publicación científica recalca que «non se trata de simples pasaxeiros», pois son cruciais na resposta do noso organismo á contorna, a enfermidades e a tratamentos médicos. Moitas investigacións avalan a importancia da presenza destes polisóns microscópicos á hora de desenvolver unha enfermidade ou non.

Identificación

A tarefa de identificar todos os microorganismos que transportamos non é sinxela. Para recoñecelos úsase unha técnica que busca e diferencia o ADN dos microbios do dos humanos. O Proxecto Microbioma Humano (PMH) intenta, desde o 2007, recoñecer todos os xenes microbianos, e no 2013 anunciouse a identificación de máis de 5.000.000 que estaban mesturados cos nosos xenes. O microbioma é o conxunto de todos os xenes dos microorganismos que viven no noso corpo. Este catálogo comprende o material xenético de bacterias, virus e outros microbios tomados de diferentes partes do corpo de 242 voluntarios (129 homes e 113 mulleres).

Agora sabemos que os microorganismos que nos habitan achegan importantes beneficios. Para distinguir aos microbios benignos dos patóxenos, os investigadores chaman aos primeiros comensais. Algúns destes comensais aliméntanse, por exemplo, das secrecións das células da epiderme, e producen unha capa que evita que a pel se grete. Así, os patóxenos que poderían invadirnos polas gretas da pel non poden penetrar no noso corpo.

Xenes vitais

Os microbios benignos que nos colonizan achegan máis xenes vitais que o noso propio xenoma. O ADN dun humano ten uns 22.000 xenes funcionais, mentres que o microbioma humano contribúe con 8 millóns de xenes, unhas 360 veces máis.

As bacterias que adquirimos ao nacer van formando unha comunidade que se queda connosco para toda a vida. Cambian connosco ao adaptarse ao desenvolvemento do noso corpo e ás condicións en que nos atopamos, como a humidade, a temperatura, o que comemos e os medicamentos que tomamos. Así, a composición do microbioma é particular de cada persoa, de igual forma que o xenoma é único para cada un de nós.

Colonización protectora

Ao nacer, un bebé sae do medio estéril que proporciona o líquido amniótico e entra en contacto con millóns de bacterias, virus e outros microbios. Os microorganismos que o colonizan no momento do parto determinan as comunidades de bacterias que crecerán con el e que o caracterizarán. Fano ata o punto de que, segundo distintos experimentos, os nenos que nacen por cesárea teñen unha maior predisposición a enfermidades como a asma. Segundo a forma de nacer, un bebé pode estar protexido de distinto xeito.

Os nenos que nacen por vía vaxinal presentan comunidades de bacterias benignas que non teñen os que nacen por cesárea. Estes últimos teñen comunidades máis xenéricas, presentes na pel da nai, o que os fai máis susceptibles a algúns patóxenos e alerxias.

Tamén unha onda de investigacións intenta demostrar a relación entre trastornos da saúde e a composición do microbioma da persoa que os padece. O uso de antibióticos e medidas hixiénicas demasiado severas na infancia poderían provocar un aumento das alerxias e incluso obesidade. Parece demostrada a importancia de que os nenos pequenos adquiran microbios para vivir sans.

ACTIVIDADES

FABRICA IOGUR CASEIRO

Ademais de ter importantes funcións no noso corpo, hai moitos microbios benignos que nos permiten fabricar alimentos como o queixo e o iogur.

Para conseguir iogur necesitas estes ingredientes...

- 250 ml de leite enteiro (de vaca, ovella ou cabra)

- 1 cullerada sopeira de iogur natural

- 1 cullerada pequena de azucre

- un termómetro de cociña

E seguir os seguintes pasos:

- Quentar o leite durante 10 minutos sen que chegue a ferver, manténdoa entre entre 90 e 95 graos.

- Botarlle unha cullerada pequena de azucre.

- Despois, vertela nun termo e esperar a que arrefríe ata os 46 ou 50 graos.

- Unha vez arrefriada, botarlle a cullerada sopeira de iogur natural, que contén bacterias, e remover.

- Inmediatamente, pórlle a tapa ao termo e deixar pasar 4 horas.

¿Que obtés? ¿Ocórreseche algunha forma de mellorar o seu sabor ou textura?

PARA CURIOSOS

Con enerxía

Algúns microorganismos, chamados exoelectroxénicos, teñen a capacidade de producir electricidade. Unha cualidade que aproveitaron na Universidade de Stanford (California, EE.UU.) para desenvolver un sistema que permite xerar electricidade a través de bacterias que dixiren de forma natural materia orgánica de augas contaminadas. Aínda que é un primeiro paso, o proxecto permite imaxinar que as augas fecais poderían reciclarse para xerar enerxía eléctrica.


Comentar