La Voz de Galicia

Na separación hai que preocuparse moito dos fillos

Educación

Celso Currás

14 May 2025. Actualizado a las 05:00 h.

O proceso de separación dos pais, en especial cando é conflitivo, provoca un grave problema familiar que repercute, sobre todo, nos fillos. Pénsese, por exemplo, no que pode pasar pola mente dun meniño de catro anos cando observa que entre mamá e papá hai unha absoluta carencia de comunicación e de compromiso emocional, e en moitos casos agresividade ou infidelidade. A elevada intensidade do enfrontamento, máis cá ruptura en si mesma, provoca danos emocionais nos fillos que, dependendo da idade, poden resultar de moi difícil reparación.

 

Entre 1 e 3 anos, os nenos vólvense moi tímidos e poden sufrir trastornos do sono e perda de apetito. Na etapa de educación infantil non son capaces de comprender a situación, da que se senten culpables. En primaria, os fillos manifestan odio ou rabia cara aos pais e toman postura a favor dun deles; tamén experimentan fantasías de reconciliación da parella. Aparece a vergonza polo que dirán os demais e hai perda de interese pola escola, aspecto que se debe ter moi en conta para evitar fracasos académicos difíciles de superar. A chegada da adolescencia incrementa os sentimentos de ansiedade e rexeitamento cara aos pais, e pode provocar unha maduración acelerada de xeito non natural. Hai risco de conduta antisocial, perigosa pola súa deriva á violencia ou á droga.

Estas situacións demandan unha atención moi especial aos fillos durante todo o proceso de separación, para evitar danos afectivos ou académicos. Debe quedar moi claro que o problema dos pais non afecta ao amor que se lles ten a eles, para o cal é esencial transmitir confianza, respecto e cariño. Hase explicar todo o que ocorre da maneira máis comprensiva, de acordo coa idade e características psicolóxicas do neno, e facelo sen culpar a ninguén e sen intentar poñer a este en contra da outra parte.

Todo o tempo que se lles dedique aos fillos é pouco. Hai que falar moito con eles, responderlles con optimismo e responsabilidade a toda as súas dúbidas e evitar que as educacións dos pais sexan contraditorias e cargadas de rancor. É importante evitar a sobreprotección, para favorecer a madurez psicosocial e o progreso cara a unha nova identidade na adolescencia. No ámbito académico débese informar aos mestres da situación e manter un contacto estreito con eles, para evitar as dificultades de atención, de concentración ou de implicación na clase, que provocan un baixo rendemento escolar ou incluso un mal comportamento.


Comentar