La Voz de Galicia

A brecha das pensións

Economía

Adela Poisa Secretaria de Política Social de CC.OO. de Galicia

15 Nov 2015. Actualizado a las 05:00 h.

As múltiples brechas de xénero que perseguen as mulleres en calquera faceta ou etapa vital non cicatrizan ao rematar a vida laboral. Esa brecha ten unha dobre vertente no caso das pensións: son diferentes para homes e mulleres e distáncianse por tramos, é dicir, canto máis altas son, menos mulleres as perciben.

A orixe desta brecha non está no sistema de pensións, senón no período e base de cotización. As cotizacións das mulleres adoitan ser inferiores ás dos homes por circunstancias ben coñecidas: traballan menos tempo e a súa carreira profesional é peor. Por poñermos un exemplo, ¿cantas mulleres ocupan cargos directivos nas empresas?

Algunhas desas circunstancias podemos enumeralas mesmo nun relato cronolóxico. Entre os anos sesenta e setenta, a maioría das mulleres deixaban o traballo ao casaren polo que, chegada a xubilación, o tempo cotizado era escaso e as pensións, baixas.

Na década dos oitenta a mentalidade mudara, pero co primeiro nacemento aínda moitas mulleres cesaban na vida laboral. Mesmo na actualidade, se alguén ha de deixar o traballo para coidar un fillo ou unha persoa con dependencia, adoita facelo a muller porque, en xeral, é a que achega o salario máis baixo.

Aínda que a renuncia á carreira profesional xa non é a primeira opción, moitas traballadoras interrómpena polos mesmo motivos, para retomárena máis tarde. Esta paréntese -que por forza carrexa un desfasamento- dificulta o ascenso na carreira profesional.

Os contratos a tempo parcial afectan sobre todo a mulleres, que compaxinan o traballo retribuído coa dedicación á familia. Aínda que, a raíz do último acordo asinado por sindicatos e Administración, o tempo traballado parcial diario cotiza como día traballado para os efectos de antigüidade, isto non afecta á base reguladora,.

A consecuencia de todo o anterior é que no tramo de pensións que van de 600 a 650 euros, case o 70 % de persoas perceptoras son mulleres. No outro extremo, a pensión máxima, só 13 % das persoas que a perciben son mulleres. Queda claro que o problema da brecha nas pensións non é do sistema, senón dos obstáculos que, aínda neste século XXI, atopan as mulleres no mundo laboral.


Comentar