A crise e a demografía golpean os fogares galegos, que no 2009 ingresaron 2.010 euros, case un punto menos que no 2008. E a previsión para este ano é similar, segundo o director do IGE.
-¿Os cidadáns galegos son máis pobres que hai un ano?
-No 2009 houbo menos ingresos medios por fogar que no 2008, 2.010 euros, consecuencia da evolución demográfica de Galicia. Camiñamos cara a un maior envellecemento e nesa media hai un conxunto de persoas que pasan das rendas do traballo aos ingresos por prestacións, que son menores.
-¿Ou sexa, que cada vez hai máis xubilados?
-Efectivamente.
-¿En que porcentaxe ten aumentado o número de maiores de 65 anos?
-Están no 20% os fogares con todas as persoas maiores de 65 anos.
- Na Galicia interior agudízase a situación respecto á Galicia atlántica...
-Produto dun reflexo da propia situación demográfica.
-Lugo e Ourense son sempre máis vellas...
-Exactamente, sobre todo determinadas zonas da provincia de Ourense.
-¿Que outros aspectos inflúen nesta baixada de renda?
-A situación de crise que se está a vivir, que no 2009 tivo unha especial intensidade, na medida que hai menos persoas traballando, o que afecta, obviamente, á percepción económica. Unha persoa ocupada cobra un determinado salario e por prestación vai ingresar menos, no caso de que cobre.
-¿Cal é o prognóstico para o 2010?
-No 2009 houbo unha compensación en parte porque o incremento salarial en certa medida foi algo superior á variación dos prezos. No 2010 hai unhas fortes diminucións salariais nalgúns colectivos e continuou tamén o proceso de destrución de emprego, ao mesmo tempo que o envellecemento da poboación. É dicir, que confluíron os tres factores. Haberá que esperar ao resultado da enquisa, pero en todo caso non parece que o nivel de ingresos vaia ser superior ao de 2009.
-¿O peor está por chegar?
-Xa foi o que foi, pero haberá que esperar a ver que ocorre no 2011.
-Pero hai medidas do Goberno que están por visualizarse, falta por coñecerse a súa tradución práctica, ¿poden mellorar ou empeorar as cousas?
-É verdade que algunhas medidas se fixeron para que non se destruíse tanto emprego, pero a desaparición de postos de traballo continuou, o envellecemento tamén, polo que, insisto, é difícil que no 2010 este proceso de rendas dea uns niveis superiores aos de 2009.
-¿A leira salva unha vez máis a Galicia? ¿O feito de que moita xente sen recursos complete a economía familiar cos produtos da horta marca a diferenza respecto a España?
-Nós temos un diferencial de crecemento con respecto a España, pero non o achacaría tanto a esa situación como a que nos últimos anos o sector industrial tirou máis fortemente que na economía española. O 2010 veuse axudado pola presenza de acontecementos como o Xacobeo, e eu achacaría máis a estes dous aspectos o diferencial de crecemento. Por outra banda, seguimos mantendo unha taxa de paro bastante inferior á do conxunto de España.
-¿Que balance pode facer logo a Xunta do Xacobeo?
-O 17 de febreiro, cando se peche a contabilidade, poderemos dicir canto medrou máis a economía galega que a española. Agora ben, ¿ese diferencial é atribuíble exclusivamente ao Xacobeo ou a outros sectores? ¿Que tería pasado se non houbese Xacobeo? É difícil facer unha valoración.
-¿Canto representará o Xacobeo sobre o PIB? O PSOE fala do 0,2%...
-Ese 0,2% pode estar indicando que a economía galega vai crecer dúas décimas máis que a española, pero non sei se o que queren dicir con isto é que o impacto do Xacobeo foi do 0,2% do PIB, que eu supoño que será maior. Un aumento do gasto dos non residentes no entorno do 20% pode ter un efecto no PIB. Haberá que velo. ¿Está aí unha parte do Xacobeo? Hai que ter en conta o efecto dos servizos de mercado. Cando contabilizamos turistas faise para toda Galicia. ¿Son todos atribuíbles ao Xacobeo?
-¿Que previsión de crecemento fai da economía galega para o 2011?
-Mantemos a que se fixou nos Presupostos. Para finais do ano, en torno a 0,1%, e para o 2011, en torno ao 1%. En España para finais deste ano é do -0,2%.