Ano a ano dende 1986, non deixou UXT de revalidar a súa condición de sindicato líder na comunidade autónoma, agora con José Antonio Gómez como secretario xeral en Galicia.
-Aínda que ninguén discutía que UXT ía gañar, non foi ata agora que se publicaron os datos definitivos e oficiais. E confirmaron o que se sabía...
-Para nós é unha satisfacción. Ter o 32% da representatividade dos traballadores galegos, cun 2,87% sobre o segundo, dinos que temos traballado no camiño correcto.
-¿Que interpretación fan dos resultados electorais?
-A parte de ser líderes, para nós é importante ver que tamén gañamos nas empresas onde se celebraban eleccións por primeira vez, e naquelas onde hai comités de empresa.
-É dicir, igual en pequenas como en grandes empresas.
-Nas eleccións en novas empresas, ou onde se celebraban por primeira vez, chegamos ata o 33,14% do total. Somos os primeiros en nove das quince comarcas, e en tres das catro provincias. Estamos satisfeitos.
-Só deixaron de gañar en Pontevedra. ¿Que pasou?
-Temos que mellorar en algúns sectores. Mellorar e corrixir. Algo xa temos feito, pero esta vez aínda non foi suficiente.
-¿Van tomar «medidas»?
-Non é iso. Tampouco andamos a sinalar co dedo. Son pequenas deficiencias que van sumando e acaban dando como resultado que non gañas. Sen máis. Non pasa nada.
-¿Que valoración política fai do triunfo?
-Primeiro, e antes das valoracións, é preciso agradecer expresamente a confianza dos traballadores, que dende o ano 1986, e dise rápido, veñen dándonos a confianza para ser os primeiros. En canto á valoración, o éxito da UXT supón o triunfo da cultura do pacto e da negociación. Nós somos máis de buscar solucións, de resolver os conflitos pola vía do diálogo. Pensamos que é preferible confrontar ideas que activar os conflitos.
-¿Por que CC.?OO. queda relegado a terceira forza nestas eleccións e a CIG ascende á segunda posición?
-Penso que a reflexión sobre ese feito non me corresponde a min. A diferenza, de todas maneiras, é mínima, tanto que eu diría que case se debe falar de empate técnico. Pero non son eu, insisto, quen ten que valorar que fixeron mal ou que fixeron ben os demais.
-¿No sindicato están satisfeitos co diálogo social?
-Estamos no bo camiño. Temos mellorado o emprego e reducido a temporalidade. Agora empezan a verse os resultados dos acordos, e cada día máis.
-¿Axuda estar en boa sintonía co Goberno galego?
-Valoramos moito que o presidente da Xunta se reunira cos sindicatos mesmo antes de tomar decisións importantes. A curto prazo temos pendentes acordos sobre competitividade e sobre cohesión social. O primeiro vai ben, pero no segundo non tanto. O que temos claro é que Galicia xa non pode competir en precariedade. Hai que cambiar o patrón de comportamento e crecemento.