La Voz de Galicia

Haters

Silleda

Juan L. Blanco Valdés
As redes sociais ocupan hoxe unha parte importante do tempo de ocio e de relación das persoas.

13 Jul 2026. Actualizado a las 05:00 h.

Coñecín un fulano da parte de Silleda, empregado nunha granxa de poñedoras, que, con só ollar un ovo fritíndose na tixola, aseguraba poder deducir a cor e idade da galiña proxenitora. A min, o nivel ao que pode chegar a especialización laboral é unha cousa que me parece extraordinaria. Hai uns meses, deitado na mesa dun quirófano, coa piadosa cortina que separaba a parte superior da miña anatomía do trío de feroces facultativos que me interviña nun pé, reflexionaba no milagre de que, naquel estrondo propio dun black+decker e un inquietante fedor a corno queimado, eu me estivese alí deitado, feliz como un rato enriba dun queixo. Como editor, voulle confesar algo que talvez lle pareza esaxerado: se estou tan ricamente lendo un libro e vexo unha errata, teño que ir por un lapis para marcala. De onde se deduce o moito que me ofende a incorrección na escrita. Porque eu sosteño que escribir (e/ou falar) con corrección (o talento é outra cousa) son manifestacións dunha única magnitude: pensar con corrección, un beneficio este que ten un frontal inimigo: o odio. E o odio, como o amor, non coñece a paciencia: é un sentimento primitivo que precisa ser satisfeito de contado, de xeito que o odiador, para trousar a bile que o envelena, non se para en arabescos estilísticos. O que segue é a transcrición literal do recente comentario dun señor, que atopei no perfil de Facebook do presidente da Xunta: «Quen tiña que pagar as medicinas era rueda e as que tomara el que lle fixeran mal como lle están facendo a Moita xente con tantas marcas de Paracetamol que ahy e xa non sabes cal che bay facer mal porque xa tiña que ha er Unha solo marca de Paracetamol e non vinte coma as que ahy a min algunos que tomo xos teño que tirar porque ahy alguna que me fan moitisimos daño e tómalo e ilo cajar o wáter para deixarllo Ali parueda porque non sey como Fanta tas marcas de Paracetamol deviande darllas a probar a rueda de todas a probar e das que lle deran ael a probar seguro que non son as mismas cas nosas haver si algún lle reventaba o cu e a lengua». Nesta columna, teño a gala non xulgar porque os meus xuízos de valor están, como é natural, asociados ao meu xeito de contemplar a vida. Limítome a propoñer reflexións. Pois iso.


Comentar