Para xantar... Lalín
Lalín
03 Dec 2025. Actualizado a las 05:00 h.
Vimos de festexar a nomeamento de varios restaurantes da nosa vila aos Premios da Gastronomía de Galicia, en categorías que fan «salibar» as papilas gustativas en categorías como o cocido galego, o lacón con grelos, e o caldo galego.
Independentemente de quen recibiu o recoñecemento finalmente, é un orgullo para todos nós que sexan considerados referentes nas súas categorías. A oferta en Lalín é ampla, e afortunadamente imos máis alá das marabillosas cachuchas, os gloriosos lacóns, e os caldos transformados en ambrosía de deuses. Somos unha referencia culinaria, porque detrás hai miles de horas entre potas e fogóns, e tradición de varias xeracións, en templos do xantar que provocan a envexa dos lugares máis inusitados.
Lalín é cocido, mais tamén é un churrasco excepcional, unha richada que provoca colas de fanáticos de toda condición, ou peixes e mariscos que veñen en tempo récord ao «quilómetro cero», demostrando que esa lenda urbana que di que «lo mejor va para Madrid», ten que pagar peaxe en Lalín grazas entre outros ao traballo de décadas nas lonxas da costa de persoas coma Pepe do Asturiano, ao que calquera día debéramos facerlle un monumento.
Chegamos ao cumio da gastronomía galega con moito esforzo, mais será complicado manter o nivel. En ocasións a avaricia e o gusto irracional pola pecunia, fai que aqueles situados no trono dos encantos polos que devecía Álvaro Cunqueiro, poidan «despistarse» e sen pretendelo baixar a calidade diso que tanto traballo custou lograr. Por iso somos unha potencia,... porque os nosos restauradores teñen claro que a ambición desmedida é unha mala inversión para o medio prazo, e porque caer na tentación de adorar ao «becerro de ouro» é o camiño máis directo para ser expulsados do paraíso da gastronomía.
Sigamos promocionando pois dende as institucións a nosa gastronomía, e fomentando co «boca a boca» que veñan a visitarnos cada vez máis xentes de aquí e de acolá para desfrutar. E se polo que sexa notamos que algún baixa a garda, digámoslle con toda educación, que matar «a galiña dos ovos de ouro», finalmente remata repercutindo en todos.
Ou non?.