La Voz de Galicia

Facendo historia en Doade

Lalín

manuel Blanco Villar lalín

A sétima escavación arqueolóxica no castro lalinense arrancará mañá

09 May 2021. Actualizado a las 05:00 h.

As diversas actuacións arqueolóxicas realizadas no castro de Doade permítennos concluír que a súa construción se levou a cabo mediante a acumulación de milleiros de cestos e sacos de terra ao redor dunha rocha central durante centos de anos, formando un promontorio sobre o que logo asentaron o poboado castrexo, que contou con 3 ou 4 fases de ocupación, que abranguen dende o século V antes de Cristo ata o século IV despois de Cristo.

O recinto estaba fortemente protexido por unha gran muralla mixta duns 6,5 metros de ancho, cunha porta de entrada, rodeada por 5 fosos no antecastro escavados na rocha nai, 3 dos cales xa foron baleirados: un dobre foso pegado á súa cara exterior, un segundo, a uns 25 metros de distancia, e un terceiro de grandes proporcións (8 metros de ancho, por 5,30 de fondura), situado a 40 metros do lenzo exterior da muralla.

Tamén na parroquia de Doade, executamos nos últimos dous anos a prospección, catalogación, limpeza e sinalización de 7 mámoas, así como de varios petróglifos existentes nas rochas. A totalidade destes elementos prehistóricos, así como a réplica do Santo da Pedra e dous miradoiros que gozan dunhas espléndidas vistas panorámicas sobre o Val do Deza quedaron unidos entre si pola Ruta da Prehistoria de Doade, un sendeiro cultural debidamente sinalizado duns 8 quilómetros de percorrido, a carón do complexo etnográfico de Codeseda (Lalín).

Na memoria dos construtores de dolmens, mámoas e castros, que se tornan nos nosos devanceiros máis afastados no tempo e máis próximos no espazo, o Museo Etnográfico Casa do Patrón, no seu permanente ánimo de conectar cos alicerces máis auténticos e profundos da nosa cultura, a base dun inmenso sacrificio, traballo e tesón, nunha iniciativa privada sen precedentes, mercou varias leiras na coroa do castro e, coa pertinente autorización da Dirección Xeral de Patrimonio, asumiu a grande responsabilidade de promover as campañas arqueolóxicas que permitiron datar o castro, coñecer en detalle o xeito de vida dos seus poboadores de hai 25 séculos, consolidar vivendas, localizar a muralla e os fosos, así como recuperar máis de 21.500 restos arqueolóxicos mobles, que están depositados e expostos na sala monotemática de arqueoloxía habilitada a tal fin no propio museo, a apenas 600 metros do xacemento, a disposición de todo o pobo galego.

E así seguiremos no 2021, o ano que será recordado por vencer a pandemia e tamén por executar a sétima expedición arqueolóxica do castro de Doade, a partires do 10 de maio, consistente na escavación dunha cata de gran tamaño, cuns 180 metros cadrados (20x16x10 metros), para darlle continuidade aos lenzos externo e interno da muralla, facilitando a busca da porta orixinal de entrada ou acceso ao recinto castrexo, descubrindo o seu nivel de utilización, consolidando na medida do posible as estruturas defensivas localizadas e restaurando os restos arqueolóxicos mobles atopados. Completaremos a campaña mediante a súa difusión turística, mediante visitas guiadas, coincidindo co período da escavación.

A fase de escavación terá unha duración de 3 semanas (15 días hábiles) e será executada por 4 arqueólogos profesionais e 5 estudantes de doutorado da USC. Posteriormente, levarase a cabo a consolidación e restauración dos achados, 11 días hábiles, por dúas restauradoras profesionais.

Con esta campaña, trataremos de completar o máximo posible o importante estudo deste xacemento, que vimos realizando nos últimos 6 anos. Trátase dun dos castros mellor documentado da Galicia interior, divulgado a través das correspondentes memorias arqueolóxicas, dos milleiros de visitas guiadas ou por libre, así como a edición de dous libros O segredo do castro de Doade e O castro de Doade, unha fortaleza da Idade de Ferro no corazón do Deza, ademais dunha guía turística e arqueolóxica para informar aos visitantes do noso querido castro, que, por outra banda, constitúe unha paraxe de enorme riqueza paisaxística, unha verdadeira terraza natural sobre o val do Asneiro.

 

 


Comentar