«O monitor non ten que ser só unha persoa moza»
Lalín
Rocío Couto, de la Escola de Tempo Libre Aloumiña. Lalín será sede dun curso de monitor de actividades de tempo libre para o que restan aínda algunhas prazas
14 Mar 2014. Actualizado a las 07:00 h.
O vindeiro día 23 comezará a impartirse en Lalín o curso de monitor de actividades de tempo libre, que desenvolverá a escola Aloumiña que dirixe Rocío Couto Rendo.
-¿Para que serve exactamente un curso destas características?
-É un curso co que se lle dá a unha persoa a formación que pode precisar á hora de traballar cun equipo de persoas en actividades de tempo libre, tal como recolle o título do mesmo. É un curso que capacita para desenvolver actividades de lecer con nenos, mozos ou tamén con persoas maiores. Nas clases que se impartirán ata o vindeiro mes de maio haberá tempo para deseñar, dirixir e ver de que maneira se executa un obradoiro, como traballar actividades de grupo e desenvolver proxectos de animación.
-A cotío ollamos que é a xente moza a que se anota en cursos desta índole...
-É certo que existe un perfil de xente moza que é a que está nesta área pero é importante que se saiba que non estamos ante algo pechado. O monitor non ten que ser só unha persoa moza. Toda persoa que teña curiosidade e interese neste eido do desenvolvemento de actividades de tempo libre pode anotarse neste curso. De feito xa estamos atopando nos cursos a xente máis maior; non só asisten mozos e mozas.
-As clases serán en fins de semán para non solapar outras posibles actividades cotiás dos futuros alumnos...
-Así está programado. Comezaremos o 23 de marzo; para seguir o 29 e 30 e logo estaremos ata o 4 maio coa fase teórico-práctica sempre con clases na fin de semán. En total son 200 horas lectivas e logo está unha fase práctica que consistirá en asistir a colonias ou campamentos por espazo de 12 días, e outras 150 horas de actividades nalgunha entidade que traballe no eido do tempo libre. Salientar que estamos falando dun curso que está homologado pola dirección xeral de Xuventude que é necesario para desenvolver actividades de tempo libre.
-¿Restan prazas?
-Malia que a acollida na zona está a ser moi boa quedan algunhas prazas disponibles.
rocío couto directora da escola de tempo libre aloumiña