La Voz de Galicia

E.F. Lalín: unha escola de campións

Lalín

Lorena García Calvo lalín

Unha decea de equipos, 170 alevíns de futbolista, moita ilusión e ganas de desfrutar son os ingredientes do éxito da entidade roxinegra logo de catro anos

17 Jul 2007. Actualizado a las 07:00 h.

? balompé non ten segredos para eles. Algúns apenas superan o metro de altura, pero visten as camisolas roxinegras coa seguridade dos grandes, como os futbolistas que ven na televisión, e coma os que soñan ser. Polo de agora, as pequenas estrelas da Escola de Fútbol Lalín teñen un longo percorrido por diante, pero xa apuntan maneiras. Pecharon a tempada 2006-2007 con varios títulos de liga e varios subcampionatos. E a próxima tempada, non será menos. Un total de 170 rapaces repartidos nas categorías de prebenxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil integraron a pasada tempada a gran familia da Escola de Fútbol Lalín, unha entidade deportiva xurdida no ano 2003 e que en tan só catro anos logrou convertirse nun referente deportivo en canto a deporte de base. En apenas dúas semanas aos máis veteranos da escola tocaralles volver a pisar a herba do estadio Manuel Anxo Cortizo para comezar a preparar a vindeira tempada, unha campaña na que agardan colleitar uns resultados, cando menos, igual de bos cós da pasada tempada. Con tan só seis anos algúns dos benxamíns da Escola de Fútbol Lalín xa apuntan maneiras. A pasada campaña foi preciso confeccionar tres equipos para dar cabida aos preto de 50 nenos que se inscribiron e que apenas pasaban dos seis anos. De feito, practicamente en cada adestramento que se celebraba, aparecían novos pupilos para Pablo Castro, Rafa Dacosta e Xabier Sueiro, os adestradores dos máis novos da escola. Un título de Liga local, un subcampionato e un oitavo posto son as credenciais coas que iniciarán a próxima campaña as estrelas en potencia da E.F. Lalín. Éxito alevín Tamén polo camiño do trunfo se pasearon os xogadores da categoría alevín, que lograron un primeiro e un sexto posto na liga local, e que conseguiron -o primeiro equipo- ser semifinalistas da fase de campións galega. Willy Alonso e Xabier Quiroga foron os encargados de adestrar aos 30 alevíns, dos cales varios xa foron convocados pola selección de Santiago, e outro, Dani Riádigos, xogou co combinado galego un campionato de seleccións autonómicas. Como non todo pode ser un camiño de rosas, os que se atoparon con complicacións no seu paso pola liga galega foron os infantís de Toñito e Richi Alonso, que, logo de acadar a campaña anterior o ascenso, viron como voltaban a Primeira división. O segundo equipo mantense na Segunda Autonómica. Os que sí coñeceron o éxitoforon os dous equipos cadete que adestran Toño García e Xabier Montouto, que culminaron a tempada con sendos ascensos, o equipo A á Liga Galega, e o B á primeira autonómica. No caso dos veteranos da Escola de Fútbol Lalín, os 22 xuvenís de César Reboredo culminaron a tempada ligueira en Primeira Autonómica no sexto posto da táboa. Só unha rapaza Aínda que xa hai catro anos que a Escola de Fútbol Lalín opera no Deza, ata o de agora tan só unha nena comezou -non chegou a competir- na entidade. O prazo para a inscrición a vindeira tempada xa está aberto, e os máis veteranos da escola comezarán en agosto a adestrar con vistas a preparar a nova campaña, na que os xogadores disporán doutro pequeno campo anexo no Coto Ferreiro. Para soster o gran número de nenos que cada ano se integran na canteira roxinegra, a Escola de Fútbol Lalín bota man das axudas do Concello e da Deputación, así como das cotas mensuais dos nenos, e da empresa privada, que aporta un tercio do orzamento da escola.


Comentar